A nova praza en Virxe do Camiño recupera o cruceiro que antes se atopaba en Eduardo Pondal

Pontevedra
18 de xaneiro 2019

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores visitaba as obras que se acometen nesta zona da cidade e afirmaba que a finais deste mes estarán rematados os traballos de reforma das rúas Xosé Casal e Virxe do Camiño

Instalación do cruceiro na praza de Virxe do Camiño Mónica Patxot

A nova praza que se sitúa na entrada da rúa Virxe do Camiño é o espazo escollido polo Concello co visto bo de Patrimonio da Xunta para reubicar o cruceiro que antes se atopaba situado en Eduardo Pondal.

O alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado polo concelleiro de Obras Demetrio Gómez achegábase ata este punto da cidade e se mostraba satisfeito pola actividade que detectaba neste punto da cidade. "Os cidadáns xa ocupan a rúa antes de que rematen definitivamente", sinalaba Lores en relación ás obras de reforma que se acometen tanto en Xosé Casal como en Virxe do Camiño.

Estes traballos comezaron no mes de xullo de 2018 e o goberno local agarda que conclúan a finais deste mes. O prazo de execución era de dez meses. O alcalde agradeceu aos técnicos municipais e aos traballadores da empresa adxudicataria o esforzo realizado para converter este barrio nun espazo coa mesma calidade urbana que o centro da cidade.

O cruceiro, segundo explicou Demtrio Gómez, contaba con problemas estruturais. Atópase dividido en tres partes e agora se instala cunha peza central para que quede firme. Este cruceiro historicamente fora instalado no cruce entre Xosé Casal e Virxe do Camiño.