A nova PO-308 entre A Barca e Porteliña: sen semáforos, con lombos, beirarrúas máis amplas, mellores servizos e máis seguridade

Poio
14 de decembro 2022

O concelleiro de Infraestruturas de Poio, Gregorio Agís, presentou este mércores o proxecto inicial para a reforma da PO-308, que aínda debe recibir o visto e prace da Xunta e a Axencia Galega de Infraestruturas

Presentación do proxecto municipal de reforma da PO-308 entre A Barca e Porteliña Concello de Poio

O Concello de Poio presentou este mércores o seu plan de reforma integral da estrada PO-308 desde o nó de bombeiros ata Porteliña. Trátase dun proxecto inicial que mellorará a imaxe, os servizos e a seguridade de condutores e peóns nun tramo marcado pola alta intensidade do tráfico e a elevada sinistralidade.

O documento, acordado coa Axencia Galega de Infraestruturas, ten como obxectivo dar solución aos diferentes problemas que rodean este vial de titularidade autonómico. "Aínda está nunha fase básica, falta o proxecto de execución", puntualiza o concelleiro de Infraestruturas, Gregorio Agís, que confía en asinar un convenio de colaboración coa Xunta para facer realidade un proxecto que podería supoñer un investimento global próximo aos 4 millóns de euros.

"O Concello está disposto a colaborar economicamente", asegura o edil que cifra a achega municipal nun 30 % do total. Un desembolso que levaría unha destacada porcentaxe do orzamento municipal e boa parte do total reservado para investimentos. "É un sacrificio, pero a obra ben o merece", sostén Agís.

A intervención engloba un tramo duns 2,5 quilómetros e revolucionará visualmente esta parte da estrada. Ao longo de todo o vial ampliaranse e uniformarán as beirarrúas, que pasarán a ter un ancho mínimo de 1,80 metros e un estándar de 2,5 metros. Incluirán tamén novo mobiliario urbano e zonas axardinadas.

Isto permitirá reducir o ancho da calzada, co que os pasos de peóns, que irán sobreelevados nos coñecidos como lombos, serán máis curtos, máis visibles e máis seguros para as persoas. Ademais, permitirán eliminar os actuais semáforos da zona de San Salvador, do Quirón, de Ferreirós e da Barca, o que contribuirá a unha maior fluidez do tráfico. 

"A idea é eliminar os semáforos de pulsación, pero deixaremos a preinstalación feita por se é necesario poñelos, pero nós non o contemplamos", matiza o concelleiro socialista.

Un dos cambios máis drásticos chegará na contorna do Casal de Ferreirós, no que se eliminará o actual carril bus e modificarase lixeiramente o eixo da calzada para reducir o ancho dos pasos de peóns.  

A rotonda da Barca tamén modificará substancialmente a súa imaxe. A marquesiña desaparecerá e desprazarase uns metros máis adiante, pasando o Cash Froiz.O carril secundario que dá acceso a este establecemento tamén se suprimirá para ampliar as beirarrúas. Do mesmo xeito desaparecerá o illote que reparte o tráfico procedente da ponte entre a rotonda e o centro comercial A Barca. Así mesmo, a ampliación das beirarrúas mellorará o acceso ao centro comercial, á Casa Rosa e á Comandancia da Garda Civil. 

Xa na contorna da Comandancia, suprimirase a mediana que separa os dous sentidos de circulación por unha separación menos invasiva e máis estética. 

"A toma de decisións para os peóns e os condutores será moito máis sinxela", defende Agís un dos argumentos que contribuirá a reducir a sinistralidade neste tramo. 

O proxecto manterá todas as prazas de aparcamento existentes, así como as paradas de taxi ou autobús. A obra servirá tamén para renovar todos os servizos e soterrar a subministración eléctrica. Así mesmo, o límite de velocidade de circulación manterase nos 50 quilómetros por hora, pero haberá zonas nas que podería reducirse a 30.

Aínda que a idea do executivo municipal é facer realidade a súa idea, o proxecto atópase aínda en cueiros e tanto a Xunta como a Axencia Galega de Infraestruturas deben aínda dar a súa visto e prace. Con todo, Agís confía en que o Goberno autonómico non poña trabas porque "son conscientes da necesidade de arranxar este espazo". Ademais, a fórmula do cofinanciamento proposto polo Concello de Poio xa levou a cabo en municipios veciños como o de Sanxenxo.

Do mesmo xeito, o goberno local móstrase predisposto a asumir a titularidade da estrada en tramos urbanos como o que corresponde a este proxecto.