A nova planta de transferencia de residuos da Lama estará operativa nas próximas semanas

A Lama
10 de agosto 2023

O presidente da sociedade pública, Javier Domínguez, visitou este xoves as obras desta planta na que se investiron máis de 1,8 millóns e que substituirá á microplanta que operaba ata o de agora no municipio e poderá dar servizo a 8 concellos

Visita institucional ás obras da nova planta de transferencia de residuos de Sogama na Lama Xunta de Galicia

O presidente de Sogama, Javier Domínguez, avanzou hoxe que a planta de transferencia de Sogama na Lama estará operativa nas vindeiras semanas

Durante a visita que realizou ás obras desta instalación xunto co alcalde da localidade, David Carrera, Domínguez, lembrou que esta instalación, na que se investiron máis de 1,8 millóns de euros, substituirá á microplanta que operaba ata o de agora no municipio e poderá dar servizo a oito concellos, que aglutinan unha poboación de máis de 23.000 habitantes.

Esta planta, con capacidade para máis de 8.675 toneladas anuais, estará preparada para transvasar as tres fraccións de residuos municipais que se atopan baixo a competencia de Sogama, isto é, bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks), bolsa negra (resto) e bolsa marrón (materia orgánica a través do contedor marrón, que se atopa en proceso de implantación nos concellos galegos).

A nave na que se levará a cabo a transferencia dos residuos dispón dun compactador fixo, unha báscula e un sistema de translación de contedores (con capacidade para dúas unidades), posibilitando que se independice en certa medida o funcionamento da instalación do transporte, que en momentos puntuais pode sufrir atrasos por cuestións como as condicións de tráfico, posibles avarías ou indisposición dos condutores. 

Tamén está dotada cun aparcadoiro de contedores, un edificio de oficina, vestiario e almacén, e unha depuradora de augas residuais. 

Así mesmo, autoabastecerase enerxeticamente con paneis solares, fomentando deste xeito o uso das enerxías renovables para facer fronte ao cambio climático.

Cómpre lembrar que esta planta de transferencia da Lama será unha das 17 instalacións que conformarán a rede de infraestruturas para a valorización da materia orgánica.

Deste xeito, unha vez concluídas as obras, os concellos galegos adheridos a Sogama terán acceso a unha rede composta por 4 infraestruturas para o tratamento de biorresiduos e 13 plantas de transferencia, das que 6 serán de nova construción e 7 serán remodeladas. Esta rede contou cun investimento de 40 millóns, dos que 30 proceden dos Fondos FEDER REACT EU como resposta da Unión Europea á crise da covid-19.