A nova iluminación da Avenida de Ourense consegue un aforro enerxético do 26%

Marín
24 de marzo 2022

Marín adherirase á Hora do Planeta, que será este sábado de 20.30 a 21.30 horas, e organiza unha charla informativa aberta ao público o mércores 19 ás 19.00 horas no Museo Torres para aprender a nivel doméstico como aforrar enerxía

Avenida de Ourense

No proxecto de humanización da Avenida de Ourense, no que se investiron 1,1 millóns de euros, unha parte moi relevante se adicou á renovación de todos os puntos de luz que iluminan a principal arteria da vila de Marín.

Segundo os datos acadados ata o momento, na Avenida de Ourense conseguiuse un aforro enerxético do 26,7% con respecto á potencia instalada anteriormente.

Esta liña de renovación das luminarias para instalar tecnoloxía LED é unha prioridade para o goberno local, que seguirá traballando a nivel público para acadar os estándares de eficiencia enerxética que esixe a Unión Europea. 

Pero o aforro enerxético e a procura dunha economía sostible non só ten que ser unha liña de traballo no eido público, senón tamén a nivel doméstico.

Por iso, o Concello de Marín se adherirá á Hora do Planeta que se celebrará a nivel global este sábado, 26 de marzo, unha convocatoria na que se fai un chamamento á cidadanía para facer un apagón e así reivindicar a necesidade de aplicar políticas e hábitos que teñan en conta a viabilidade medio ambiental da Terra.

No que respecta ao espazo público, apagaranse a fachada do Concello e a farola da Praza de España.

CHARLA NO MUSEO TORRES

Precisamente, co obxectivo de explicar á veciñanza o aforro enerxético acadado na Avenida de Ourense co cambio das luminarias grazas á obra executada con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, e para dar consellos sobre como aforrar no ámbito doméstico, convócase unha charla para o mércores 30, ás 19.00 horas, no Museo Torres.

A responsable da Oficina ARI de Marín, Ibana Conte, será a encargada de ofrecer información útil e actualizada para aprender a aforrar enerxía no noso día a día na casa.

Nun momento no que a enerxía está en plena suba de prezos e supón unha preocupación importantísima para as familias, "consideramos que é unha moi boa oportunidade para aprender que cousas sinxelas podemos facer para reducir o noso consumo e así acadar un doble obxectivo: aforrar económicamente e coidar o medio ambiente", explican fontes municipais.

Esta actividade está financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea, dentro da estratexia Marín Dusi.