A nova figura do coordinador de benestar e protección nos centros educativos centrará un curso da Uned

Pontevedra
13 de febreiro 2024

O Centro Asociado da UNED en Pontevedra pon en marcha entre o 16 de febreiro e o 21 de marzo a terceira edición do curso de "Coordinador/a de benestar e protección nos centros educativos", cunha extensión de 75 horas lectivas impartidas en liña en diferido polo pedagogo e mediador Javier Mingorance

Escolares coas súas mochilas | Freepik

A Lei 8/2021 de Protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia creou a figura profesional do coordinador/a de benestar e protección, entre cuxas funcións está a de desenvolver, dinamizar e impulsar no centro educativo a participación dos nenos, nenas e adolescentes, o respecto os demais, á súa dignidade e os seus dereitos, especialmente daqueles menores que sufran especial vulnerabilidade, a igualdade de xénero, a diversidade familiar, a adquisición de habilidades para a elección de estilos de vida saudables e unha educación afectivo sexual.

Para aquelas persoas que queiran formarse, o Centro Asociado da UNED en Pontevedra pon en marcha entre o 16 de febreiro e o 21 de marzo a terceira edición do curso de "Coordinador/a de benestar e protección nos centros educativos", cunha extensión de 75 horas lectivas impartidas en liña en diferido polo pedagogo e mediador Javier Mingorance. O custo da formación é de 150 euros.

Este curso está dirixido por David Jiménez-Hernández, profesor do Departamento de Didáctica, Organización Escolar e Didácticas Especiais, e coordinado por Rafael Cotelo Pazos, responsable de Extensión Universitaria e Actividades Culturais. 

O programa do curso está distribuído en módulos teórico-prácticos.

Entre os obxectivos fixados están que os participantes poidan adquirir os coñecementos específicos sobre as funcións da Coordinación de Benestar e Protección nos centros educativos e coñecer os métodos de investigación participativa para diagnosticar o clima de convivencia nos centros educativos. Os participantes poderán deseñar un Plan de Convivencia nun centro educativo e coñecer e analizar que é un protocolo de actuación para erradicar casos de bullying ou outro tipo de maltrato.