"A nosa dor é inmensa, a súa falta imposible de substituír"

Marín
09 de novembro 2022

Hoxe o Pleno de Marín lamentaba a "marcha do noso compañeiro de Corporación Benito González Dopazo é unha dor compartida entre todos os que formamos parte do Concello e, en xeral, entre toda a veciñanza de Marín. Pero especialmente é a súa familia, os seus achegados e os compañeiros e compañeiras do Partido Socialista os que sofren de maneira máis cercana a súa perda"

Pleno extraordinario de Marín polo falecemento do concelleiro Benito González Dopazo PontevedraViva

"Hoxe estamos aquí porque a vida cambia dun minuto a outro, dun segundo a outro. As traxedias, como a que vivimos este domingo e que tivo este fatal desenlace na madrugada de hoxe, chegan á nosa realidade e reordenan todas as prioridades e preocupacións". Así empezou a declaración institucional que este mércores leu a alcaldesa, María Ramallo, no pleno extraordinario de Marín, onde exercía como concelleiro Benito González Dopazo, falecido hoxe debido ás graves queimaduras sufridas no incendio da da antiga Pontesa en Ponte Sampaio.

Benito González formou parte da Corporación Municipal de Marín en dúas ocasións, a primeira foi da man do alcalde Fran Veiga, entre 2007 e 2011 sendo responsable da política rural, e actualmente, acompañando a Manuel Pazos, na oposición municipal.

O Pleno lamentaba a "marcha do noso compañeiro, unha dor compartida entre todos os que forman parte do Concello e, en xeral, entre todos os veciños  de Marín, pero especialmente é a súa familia, os seus achegados e os compañeiros e compañeiras do PSOE os que sofren de maneira máis próxima a súa perda".

"A nosa dor é inmensa, a súa falta imposible de cubrir", sinala o manifesto, que recolle que "Benito era moito máis, boa persoa, alegre, positivo, sociable, con bo carácter, moi traballador, moi bo compañeiro".

As palabras de recordo para Benito, como "afable, próximo, sempre disposto ao diálogo e cunha gran implicación política e social" coroaron un discurso no que Marín lembrará "sempre, por encima de todo o demais, que Benito era unha boa persoa".

Xunto a María Ramallo tamén interveu o portavoz socialista, Manuel Pazos que coa voz entrecortada lembrou a pegada que deixa Benito na Comunidade de Montes de Santo Tome de Piñeiro da que foi o seu presidente e onde creou o equipo de fútbol veterano, ao igual que tamén estivo á fronte da Asociación de Nais e Pais do Instituto Chan do Monte sendo tamén directivo da federación pontevedresa de asociacións "sen máis interese que dar o mellor de sí alí onde estaba, sempre con educación, cun sorriso, con enormes valores, con honestidade e con sencillez". 

"So nos queda o consuelo de telo coñecido e que a vida nos permitise compartir con el tantos bos momentos. Grazas Nito por todo e por tanto", dixo Manuel Pazos.

Durante a celebración do Pleno soaban de fondo as sereas do porto coincidindo coa concentración que estaban a facer traballadores, directivos e accionistas do grupo Nogar, xunto con compañeiros doutras empresas do Porto de Marín, que renderon a súa particular homenaxe esta tarde a Benito González Dopazo.

Foi unha concentración e dous minutos de silencio na súa memoria que finalizou cunha calorosa ovación para o falecido e a súa familia. O acto de condolencia desenvolveuse diante da sede central do grupo Nogar en Marín. A homenaxe foi seguida tamén polo resto de profesionais do grupo Nogar desde as diferentes instalacións da empresa en Galicia e Portugal. 

O Pleno decretou dous días de loito oficial que serán este xoves 10 e o venres 11 coa suspensión de todos os actos institucionais e oficiais. Ao tempo, na entrada da Casa do concello habilitouse un libro de condolencias para recoller os testemuños de pesar dos cidadáns que queiran así expresalos pola morte de Benito González.

Ao rematar a sesión plenaria viviuse un emotivo momento cando os asistentes ao pleno, entre os que estaban: a presidenta de Deputación, Carmela Silva; a subdelegada do Goberno, Maica Larriba; o secretario xeral provincial do PSOE, David Regades; o presidente da Autoridade Portuaria, José Benito Suárez Costa; o comandante director da Escola Naval, Pedro Cardona, entre outros cargos públicos e autoridades, agardaron na escalinata do concello o paso do coche fúnebre no que se transportaban os restos mortais de Benito, momento en que os presentes aplaudiron con forza para despedir ao seu compañeiro.

 

Arquivado en