A nave de Pontesa, tres días despois: con fume, conatos continuos e riscos por amianto

Pontevedra
09 de novembro 2022

No interior da nave hai aínda gran cantidade de gran de cereal almacenado, agora contaminado con amianto, e está quente, de modo que os traballadores do servizo de extinción de incendios de Pontevedra mantéñense moi atentos á evolución. A Policía Científica regresará este xoves á nave para seguir investigando

As instalacións de Pontesa, tres días despois do incendio Mónica Patxot

Tres días despois do incendio nas instalacións da antiga fábrica de cerámica de Pontesa, os bombeiros continuaron desprazándose durante toda a xornada deste mércores ata o recinto. O fume segue saíndo do tellado, continúan producíndose conatos de lume e teñen que acudir para sufocalo e tamén a nivel preventivo. 

No interior da nave hai aínda gran cantidade de gran de cereal almacenado, agora contaminado con amianto, e está quente, de modo que os traballadores do servizo de extinción de incendios de Pontevedra mantéñense moi atentos á evolución. 

Este mércores volveron a solicitar á Axencia Galega de Emerxencias (Axega) o seu camión cisterna, que ten máis capacidade de auga, e acudiron en rotacións ás instalacións con este vehículo, unha 'nodriza' con auga e un vehículo de altura do parque pontevedrés. 

A Inspección de Traballo non lles permite acceder ás instalacións pola presenza de gran cantidade de amianto e o seu risco potencial para os traballadores, de modo que este martes acudiron co seu vehículo de altura para poder botar auga desde arriba e sufocar os pequenos conatos de incendio que van xurdindo.

O incendio deixou moi afectado o tellado das instalacións, que ten grandes extensións rotas ao longo de todo o recinto. A pesar dela, queda unha parte importante da nave totalmente tapada que impide que a auga da choiva poida axudar a apagar por completo o incendio e tamén dificulta o traballo desde arriba dos bombeiros.

Ademais do amianto, tamén resulta perigoso acceder á nave porque hai anacos do tellado que parece que poden caer en calquera momento.

Durante a xornada deste mércores, acudiron a Pontesa tanto os bombeiros como a Policía Local de Pontevedra e traballadores da empresa Grupo Nogar, pero non a Policía Nacional, responsable da investigación do incendio.

Os policías regresarán este xoves, coa esperanza de que o lume xa estea totalmente apagado e poidan investigar a súa orixe con todas as garantías de seguridade. O martes, a Policía Científica puido acceder totalmente protexida ao interior da nave, pero por moi pouco tempo polas limitacións impostas pola inspectora de traballo encargada de velar pola seguridade en Pontesa. 

Arquivado en