A nai das nenas asasinadas en Moraña fai un chamamento á tranquilidade e a confiar na Xustiza

Pontevedra
03 de agosto 2015

Silencio para dar voz á loita contra a violencia de xénero. O exterior dos edificios da Deputación e o Concello de Pontevedra viviron ao mediodía deste luns senllos minutos de silencio para mostrar o rexeitamento unánime da sociedade en relación co dobre crime do Casal

Concentración ante a Deputación Provincial polo dobre crime de Moraña

Silencio para dar voz á loita contra a violencia de xénero. O exterior dos edificios da Deputación Provincial e o Concello de Pontevedra viviron a mediodía deste luns senllos minutos de silencio para mostrar o rexeitamento unánime da sociedade en relación co dobre crime do Casal, en Moraña. As nenas Amaya e Candela, presuntamente asasinadas polo seu pai, e a súa nai, Rocío V.T., estiveron no recordo de todas as persoas que secundaron ambas as dúas concentracións e que coincidiron en pedir Xustiza.

O dobre crime de Moraña tivo dúas vítimas físicas, as dúas nenas de 4 e 9 anos degoladas por unha serra radial, e unha vítima psicolóxica, a súa nai, pois supostamente o crime foi por vinganza do seu ex marido e pai das falecidas, David Oubel, cara a ela. Como unha vítima máis do crime, Rocío V.T. trasladou este luns unha mensaxe á sociedade a través dunha amiga íntima da familia, a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro. Fai un chamamento á tranquilidade e a confiar na Xustiza.

"Quiere transmitir muchísima tranquilidad y que todo tiene que llegar al fin, que la Justicia nos tiene que decir lo que es, que confiemos en ello y que se trasmita a toda la sociedad tranquilidad como condición de ser humano que somos y no estas barbaridades que pasan en algunos sitios", trasladou Luisa Piñeiro aos medios presentes na concentración de solidariedade coas vítimas celebrada ante a Deputación Provincial con cara compunxida e trasladando que sentía "una tristeza muy grande" que o que "tenemos que facer" nestes momentos é "pedir Justicia".

Eva Villaverde, concelleira do BNG no municipio e deputada provincial, que participou na concentración na Deputación, sinalou que neste momento a "prioridade" para as institucións públicas e a sociedade "teñen que ser as vítimas", pois Rocío "non é unha estatística, é unha persoa" e hai que traballar para "poñer á súa disposición todos os recursos e todos os medios dispoñibles para procurar que isto polo que están a pasar sexa o máis levadeiro posible, que non o vai ser".

Na concentración da Deputación estaban representantes de todos os grupos políticos e do persoal provincial, ademais de dous concelleiros do PSOE en Moraña. En nome de todos eles, a presidenta Carmela Silva realizou a "condena más dura y total frente a este tipo de delitos", que conmocionan a poboación e "nos dejan sin palabras, sin respiración, nos dejan profundamente tocados y herida toda la sociedad porque son inexplicables".

Na concentración silenciosa diante do Concello, a alcaldesa en funcións de Pontevedra, Carme da Silva, destacou ao seu remate que "todos estes crimes machistas aos que nos enfrontamos cada pouco tempo son tan dolorosos para as familias e para o conxunto dunha sociedade que non pode consentir vivir con este tipo de violencia, polo que é imprescindible poñer todos os medios necesarios para que cousas así non volvan pasar".

INVESTIGACIÓN XUDICIAL

Mentres, continúa a investigación policial e xudicial do dobre crime, polo que David Oubel está en prisión como presunto responsable, e o Xulgado de Primera Instancia e Instrución número 1 de Caldas de Reis empezou a tomar declaración a posibles testemuñas dos feitos. Estaban citadas inicialmente dúas persoas en calidade de testemuñas, pero finalmente a xuíza decidiu tomar declaración tamén a unha terceira persoa que acompañaba a un deles.

A causa segue declarada secreta, de modo que non saíron á luz as identidades desas persoas nin a súa posible implicación cos feitos. Outras fontes consultadas indicaron que se trataría de veciños da zona do Casal, na que residía o presunto asasino e na que se produciu o crime. De feito, segundo puido saber este xornal, algún dos residentes na zona dixeron que o día dos feitos escoitaron berros de polo menos unha das nenas.

Arquivado en