A música, ferramenta para a inclusión de rapaces con síndrome de Down

Pontevedra
25 de abril 2022

Entre os dez e os vinte e un anos teñen os sete rapaces que, desde o pasado mes de marzo, participan nun obradoiro que busca contribuír dende a educación musical á inclusión nas aulas do alumnado con discapacidade intelectual. Todos eles son usuarios da asociación Down Pontevedra Xuntos

Obradoiro inclusivo de educación musical Universidade de Vigo

Entre os dez e os vinte e un anos teñen os sete rapaces que, desde o pasado mes de marzo, participan nun obradoiro que busca contribuír dende a educación musical á inclusión nas aulas do alumnado con discapacidade intelectual.

Todos eles son usuarios da asociación Down Pontevedra Xuntos, que participan nesta iniciativa da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e que é impartida por Marlene Armentero, docente especializada en Educación Musical.

O obradoiro está dirixido a achegarlles aos participantes unhas primeiras nocións de linguaxe musical á vez que desenvolven actividades centradas no desenvolvemento motriz e auditivo

Estruturado en doce sesións, o propósito deste taller é ofrecer a este grupo de rapazas e rapaces un achegamento á música desde a igualdade de oportunidades, favorecendo que desenvolvan unha educación musical adaptada ás súas capacidades e necesidades individuais.

Trátase, explica a súa responsable, dun curso estruturado en tres bloques, "un de elementos básicos da linguaxe musical, que estamos reforzando este curso, outro de desenvolvemento motriz e un terceiro de desenvolvemento auditivo".

Nos tres casos, engloba diferentes actividades que combinan a música coa pintura, a lectura ou as matemáticas e que toman como referencia o caderno Mi, Re, Do, que Armentero deseñou inicialmente para a ensinanza musical en idades temperás.

Ese traballo levouno despois aos nenos e nenas con discapacidade intelectual, "cos que me estou a levar unha moi grata sorpresa", asegura a responsable do taller.