A muller acoitelada en Marín, grave, pero fóra de perigo

Marín
14 de febreiro 2023

A Policía Nacional mantén aberta a investigación para aclarar o ataque. Este mércores está previsto que o sospeitoso pase a disposición xudicial. Ten "antecedentes psiquiátricos", recibe un tratamento e na tarde do luns foi trasladado a un centro médico para poder darllo

Comisaría da Policía Nacional de Marín Mónica Patxot

A Policía Nacional mantén aberta a investigación para aclarar o ataque sufrido por unha muller na mañá do luns en Marín. A muller, veciña desta localidade, foi atacada por un descoñecido que dixo "que o diaño lle dixera que tiña que matar a alguén" e resultou gravemente ferida. 

Fontes policiais confirmaron que a muller continúa ingresada na unidade de coidados intensivos (UCI) do Hospital Montecelo de Pontevedra, aínda que xa se atopa fóra de perigo. 

As investigacións policiais confirmaron que o home, de 50 anos, levaba encima polo menos tres armas diferentes, un martelo, un coitelo e un cincel que algunhas testemuñas confundiron cun machada. Deulle varias coiteladas e deixouna moi grave. 

O atacante continúa nos calabozos da Comisaría da Policía Nacional de Marín e prevese que continúe ata a mañá deste mércores, cando está previsto que sexa posto a disposición xudicial

O caso levarao o Xulgado de Instrución número 2 de Marín, que estaba de garda no momento en que ocorreron os feitos, pero este mércores o home declarará perante o xulgado número 1 da localidade, actualmente de garda. 

Durante as horas previas, avanzarase nas investigacións para completar o atestado policial. Nestes momentos, está a tomarse declaración ás testemuñas, entre eles, un home que presenciou o ataque e retivo o sospeitoso ata a chegada da Policía Local de Marín, que lle detivo e logo deixouno en mans da Policía Nacional. 

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, sinalou este martes durante unha visita a Sanxenxo que o home ten "antecedentes psiquiátricos". De feito, recibe un tratamento e na tarde do luns foi trasladado a un centro médico para poder darlle a medicación. Logo, regresou á Comisaría.

Miñones descartou facilitar detalles do caso, que está "en proceso de investigación".