A mudanza das oficinas de emprego faise efectiva

Pontevedra
25 de novembro 2019

As dúas oficinas de emprego da cidade, situadas ata o de agora na rúa Eduardo Pondal, pechan este luns 25 de novembro para finalizar o seu traslado ao novo edificio administrativo da Xunta en Benito Corbal, onde abrirán as súas portas o martes 26

Oficina de emprego no edificio administrativo de Benito Corbal Mónica Patxot

Era unha medida xa anunciada, pero entre este luns 25 e martes 26 de novembro farase efectiva.

As dúas oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia situadas ata o de agora na rúa Eduardo Pondal pechan este luns as súas portas para concluír co seu traslado ao renovado edificio administrativo da Xunta de Galicia na rúa Benito Corbal.

Estes servizos, para os veciños de Pontevedra capital e da súa comarca, volverán estar activos este martes 26 de novembro na súa nova localización.

En concreto a planta baixa do novo edificio é onde estará situada a Oficina de Emprego de Pontevedra Comarca, mentres que na primeira planta instalarase a partir de agora a Oficina de Emprego de Pontevedra Municipio.

Pola súa banda completando a centralización dos servizos de emprego no mesmo lugar, a segunda planta da sede da Xunta de Galicia estará destinada ao Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE).

O resto do edificio administrativo estará ocupado por distintas asociacións que así o solicitaron (plantas terceira e cuarta) e pola Universidade de Vigo (plantas da quinta á sétima).