A Morada, unha cita na que Vilaboa homenaxea á familia do Entroido de Cobres

Vilaboa
06 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Máis de 220 persoas inscribíronse xa para participar nunha xornada de recoñecemento a quenes levaron a ilusión do Entroido de Cobres barrio a barrio

Un grupo de Madamas e Galáns descansando Concello de Vilaboa

A Asociación Cultural de Cobres organiza para este sábado 9 de marzo a Morada, "unha cita para a familia do Entroido". Trátase dunha festa pensada para compensar ás persoas que sosteñen a festas das Madamas e Galáns.

Durante toda esta xornada reciben o agarimo da cidadanía a través dunha comida de confraternidade.

Segundo informaron dende a organización, a día de hoxe máis de 220 persoas inscribíronse xa para participar nesta "xornada de recoñecemento a quenes levaron a ilusión do Entroido de Cobres barrio a barrio".

Algúns dos integrantes desta voluminosa comitiva de Madamas, Galáns, bailaríns e músicos acumulan anos de experiencia que, sen embargo, non evitan que as catro xornadas de Entroido que os manteñen literalmente en pé durante máis de 8 horas diarias os sitúen ao borde do agotamento físico. Además suman todos eles moitísimas horas de ensaio ao longo do ano para que o Entroido de Cobres se manteña fiel a unha tradición que arrancou hai máis de catro décadas.

Este sábado día 9 a Morada desenvolverase cumprindo coa tradición. Unha carpa instalada en Riomaior dará acubillo ás persoas para desfrutar dunha comida popular.

Lidia Peleteiro, directiva da asociación cultural Cobres, lembra que a Morada "facíase orixinalmente cos alimentos que as familias entregaban ao Entroido cando ían pedir". Asegura que incluso "había quen cedía unha vaca para facer estas comidas". Daquela só asistían ao xantar quenes ían bailar ou tocar. Co paso dos anos a organización optou por contratar un cociñeiro que se encargara dos fogóns mentras que as familias de Galáns e Madamas facían as veces de auxiliares para que os protagonistas do Entroido gozaran do día.

"Agora a Morada está aberta ás familias e á veciñanza que dalgún xeito colabora na conservación desta festa que é unha sinal de identidade para Vilaboa e especialmente para Cobres; a laboriosa elaboración dos gorros, a indumentaria de cada madama e de cada galán, os complementos pero tamén os traslados e os gastos que supón manter a actividade que desenvolvemos todo o ano sería impensable sen a implicación e as renuncias das familias das madamas e galáns".