A modificación de crédito será o asunto máis destacado do pleno do próximo luns

Pontevedra
12 de xuño 2024

A Xunta de Portavoces do Concello de Pontevedra reuniuse este mércores para preparar a orde do día do próximo pleno ordinario, que será este luns do 17 de xuño, ás once da mañá, no Teatro Principal

Pleno do Concello de Pontevedra Mónica Patxot

A Xunta de Portavoces do Concello de Pontevedra reuniuse este mércores para preparar a orde do día do próximo pleno ordinario, que será este luns do 17 de xuño, ás once da mañá, no Teatro Principal. 

Como asunto máis destacado figura a aprobación inicial do expediente de modificación de crédito de 10,3 millóns de euros prevista polo goberno local nos orzamentos do Concello.

Entre os proxectos aos que se destinará esta modificación orzamentaria figuran as obras de reforma da rúa Rosalía de Castro por 2,2 millóns de euros, así como a organización en Pontevedra das dúas próximas edicións dos Premios Feroz, á que se destina 450.000 euros. 

Tamén se apuntan un millón de euros para pavimentacións no rural, 1,2 millóns para clubs deportivos e unha cantidade similar para infraestruturas e instalacións deportivas. Colexios, Mercado, xardíns, actividades culturais e festas son outros servizos beneficiados por esta modificación de crédito.

A corporación tamén debaterá varias mocións políticas. O grupo municipal do Partido Popular fai dúas propostas, a primeira relativa á declaración de Área de Rehabilitación Integral do barrio da Moureira e a segunda pedindo a posta en marcha dun programa municipal de inmersión lingüística en inglés para o alumnado de terceiro da ESO

A proposición do BNG debaterase unha moción sobre a dignificación e recoñecemento dos profesionais da avogacía en relación coa quenda de oficio, un texto que foi redactado polos propios interesados a través da plataforma constituída tal efecto coa que o alcalde mantivo unha reunión. 

O grupo municipal do Partido Socialista defenderá dúas mocións, unha relativa á conservación e revalorización do espazo escultórico da Illa das Esculturas e a segunda moción insta ao Concello a que constrúa un macroedificio que acolla os servizos de Bombeiros, Protección Civil e ás Policías Local e Nacional.