A mocidade galega conta a súa experiencia para buscar emprego no programa Xuventude Mentoring

Pontevedra
10 de febreiro 2023

Fabiola García, conselleira de Política Social e Xuventude, participou este venres nun coloquio sobre a necesidade que teñen os estudantes que finalizan os seus estudos superiores de ser orientados na súa saída ao mundo laboral

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, durante o encontro Xunta de Galicia

Fabiola García, conselleira de Política Social e Xuventude, participou este venres nun coloquio do programa Xuventude Mentoring que tivo lugar no restaurante La Ultramar e que se centrou na necesidade que teñen os estudantes que finalizan os seus estudos superiores de ser orientados na súa saída ao mundo laboral.

Anunciou que, desde o venres 10 de febreiro ata o 10 de marzo, a mocidade se pode inscribir na súa terceira edición. Apuntou tamén que este ano contará con 250 prazas para persoas de entre 18 e 30 anos. O Goberno galego destinará un orzamento de 500.000 euros para a súa posta en marcha.

Esta iniciativa da Xunta de Galicia, segundo a conselleira, "nace polo medo e as dúbidas" que xorden nos mozos cando teñen que decidir a que se queren dedicar. Asegurou que nas dúas edicións anteriores contaron con máis de 300 participantes, máis de 200 mentores e 20 entidades colaboradoras como o Clúster de Turismo Galicia, das TIC ou Tecnolóxico Empresarial.

No coloquio tamén contaron a súa experiencia tanto mentores como persoas que se apuntaron para ser orientadas. Beatriz, unha das participantes que estudou Ciencias da Comunicación e unha especialización en Moda, asegurou que "llegó un momento en mi vida que no sabía como enforcarme, estaba perdida".

Pola súa parte, Sofía, graduada en Comunicación Audiovisual, confirmou que o programa supuxo un cambio de actitude na súa vida que a axudou a seguir polo bo camiño. A moderadora do coloquio definiu o programa Xuventude Mentoring como "un investimento no futuro de Galicia".

Para finalizar, a conselleira explicou que "é un gusto saber que poñemos en marcha programas que a xente nova sabe utilizar".

Todos os mozos que queiran apuntarse á terceira edición desta iniciativa da Xunta de Galicia deberán facelo a través da páxina web do programa.