"A mobilización social será fundamental", segundo o alcalde para que a "peste" de ENCE abandone a ría de Pontevedra

Pontevedra
26 de xaneiro 2016

Para o rexedor nacionalista a decisión do Executivo que preside Mariano Rajoy é "centralizada e antidemocrática" por ser tomada "dentro do aparello do Estado" e por tanto evidenciando "unha incapacidade política e administrativa" en Galicia "como nas peores épocas do colonialismo"

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra Cristina Saiz

Despois de "o día máis triste" nos seus 16 anos como alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, fixo un chamamento á cidadanía á "mobilización social", unha estratexia que considera "fundamental" para que a empresa Ence, "esa peste", abandone a ría de Pontevedra.

"Desgraciadamente as ameazas cumpríronse", dixo Lores respecto da decisión do Goberno en funcións de conceder a Ence a prórroga da concesión de ocupación dos terreos nos que se sitúa a súa fábrica en Lourizán.

"O goberno do Estado acaba de regalarlle a unha empresa privada", unha cifra que o alcalde estima como "superior aos mil millóns de euros" para que esta "empresa altamente contaminante" poida "estragar a ría de Pontevedra durante 60 anos máis".

Para o rexedor nacionalista a decisión do Executivo que preside Mariano Rajoy é "centralizada e antidemocrática" por ser tomada "dentro do aparato do Estado" e por tanto evidenciando "unha incapacidade política e administrativa" en Galicia "como nas peores épocas do colonialismo". E antidemocrática porque a decisión, segundo Lores, está tomada en contra dos posicionamentos políticos do Concello e a Deputación, ambos "claramente en contra da permanencia de Ence na ría".

Fernández Lores asegura que a prórroga "non é de interese nin xeral nin colectivo" e pola contra cre que favorece un "enriquecemento inxusto" a conta de "unha ría única no mundo".

O alcalde de Pontevedra sinalou as connotacións que, segundo dixo, ten o feito de que dentro do Consello de Administración de Ence "hai persoas destacadas do Partido Popular" que "formando parte do aparato do Estado" conseguen que estea "ao servizo dunha empresa" para que "se modifiquen leis" que incumpran directrices da Xunta de Galicia de ordenación do territorio.

"Logo estráñase o Partido Popular de que non ten con quen pactar", engadiu.

HIPOCRESÍA POLÍTICA

Miguel Anxo Fernández Lores lamentou a "hipocresía política" existente respecto da suposta preocupación polo cambio climático, a sustentabilidade, a protección do medio ambiente, a recuperación de espazos naturais ou o feísmo. "Estamos máis preocupados dunha casa co ladrillo á vista, pero cando tocamos ao gran capital, entón facemos leis para eles", dixo Lores.

Para o rexedor pontevedrés a decisión de prorrogar 60 anos a concesión de Ence foi tomada "a última hora de forma vergonzante, por un goberno en funcións", o que demostra, dixo "a incapacidade da Xunta para tomar decisións que afecten o noso territorio". 

Fernández Lores insistiu en que o Concello de Pontevedra, "loitará porque esta decisión non sexa firme por todas as vías posibles", polo que "estaremos atentos a todas as posibilidades para que non se perpetre este atentado".

Arquivado en