Atrasos nos pedidos en liña e escaseza de tallas nos expositores das principais tendas de roupa de Pontevedra. Son os efectos que moi pronto comezarán a notar os consumidores como consecuencia da folga de transportistas que está a afectar á maior parte dos establecementos téxtiles da rúa Benito Corbal, que desde o luns non reciben nova mercadoría.
Os únicos que se libran polo momento desta situación son as marcas pertencentes ao grupo Inditex, cuxos camións procedentes dos almacéns da empresa serviron os pedidos con normalidade no que vai de semana e desde os comercios aseguran que está previsto que sigan facéndoo nos próximos días.
"Deberiamos recibir hoxe un camión, pero non chegou. E mañá teriamos que recibir outro que cremos que tampouco vai chegar", explican desde Mango. As dúas tendas deste grupo na milla de ouro pontevedresa, a de muller e a de home, víronse afectadas polo paro e temen que o servizo ao cliente vese afectado pronto. "Por agora a tenda funciona ben, pero se segue así pronto haberá problemas de reposición de tallas e tardanza na entrega de pedidos en liña", explica unha das traballadoras.
A zapatería Krack, outra das grandes cadeas a nivel nacional que opera en Pontevedra, tamén padece os efectos da folga. "O servizo ao cliente polo momento mantémolo, pero a nivel interno si que o estamos notando", recoñece un traballador da tenda.
Outra zapatería desta céntrica rúa tamén ten suspendido polo momento a recepción de mercadoría como consecuencia deste paro que está a afectar de forma máis severa a aquelas firmas ás que lle serven os seus produtos empresas de transporte externas.
Pero, polo momento, non todas os establecementos están a verse afectados por esta crise. É o caso daqueles comercios que reciben os seus pedidos por parte de empresas de paquetería, que polo momento non se viron prexudicados pola folga. Nesta situación atópase a xoiería Joyamar, na que teñen previstos varios encargos para estes días que agardan recibir con normalidade xa que ninguén lle notificou ningunha incidencia.
Esta situación non afecta só o sector téxtil, tendas de decoración e mobles como Kavehome.com, situada na rúa Michelena, está a sufrir tamén os efectos deste corte na cadea de transporte. "Estamos a notalo desde antes do luns", recoñece unha das traballadoras, que xa foron advertidas con tempo de que podería haber atrasos no servizo. "O stock en tenda está garantido porque fomos precavidos, pero a entrega de mobles a clientes si que se está retardando", recoñece a empregada, quen, como outros moitos traballadores que atenden ao público, agradece a comprensión coa que por agora están a reaccionar os consumidores ante estes contratempos.
PROTECCIÓN PARA O TRANSPORTE DE MARISCO FRESCO
A Asociación Galega de Comercializadores de Marisco (Agacomar) e a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) denuncian a grave situación á que se enfronta o sector en Galicia pola folga do transporte e o aumento de custos derivados da subida do prezo dos combustibles e da enerxía.
Os piquetes en estradas están a impedir que a mercadoría poida ser entregada nas grandes superficies e plataformas de distribución. “O marisco sae en estado óptimo das nosas cetarias e depuradoras. Pero se non se pode descargar, ao ser perecedoiro, non podemos devolvelo á auga, debe ser refugado. As perdas económicas son cuantiosas. Están a impedirnos desenvolver a nosa actividade”, advirte o presidente de Agacomar, Abelardo Rodríguez.
"Non poden garantir as entregas, polo que ven obrigados a non despachar”, resume o presidente da CEP, Jorge Cebreros.
Ambos os presidentes solicitan ás autoridades que tomen as medidas oportunas para impedir que o sector quede gravemente reducido por esta conxuntura, suxerindo mesmo que se chegue a escoltar aos transportistas que teñan como destino MercaMadrid, MercaBarna, ou outras grandes plataformas de distribución, como as de Sevilla ou Bilbao.