A metade das vivendas de Tomeza xa se sumou ao plan de compostaxe individual, que agora chegará a Salcedo

Pontevedra
18 de outubro 2019

O concelleiro do rural, Alberto Oubiña, anunciou que a próxima semana empezarase a repartición de módulos porta a porta na primeira fase de Salcedo e poñeranse en marcha charlas informativas na segunda fase desta parroquia, que, en realidade, é xa a terceira de todo o rural, tras Tomeza 

Entrega do primeiro composteiro individual en Tomeza Concello de Pontevedra

A metade das vivendas de Tomeza xa contan con módulos de compostaxe individual dentro do proxecto do Concello de Pontevedra para entregar este sistema en todas as vivendas do rural. Así o deu a coñecer este venres o concelleiro do rural, Alberto Oubiña, con motivo da presentación da terceira fase do despregamento do sistema nas parroquias pontevedresas. 

Oubiña anunciou que a próxima semana empezarase a repartición de módulos porta a porta na primeira fase de Salcedo e poñeranse en marcha charlas informativas na segunda fase desta parroquia, que, en realidade, é xa a terceira de todo o rural, tras Tomeza. 

Tomeza estreou xa en setembro o sistema de compostaxe individual a modo de proba e, desde o inicio da súa implantación, repartíronse composteiros na metade das vivendas. Na outra metade, está previsto ir repartindo o material durante os próximos meses ata completar as aproximadamente 354 vivendas da parroquia. 

Alberto Oubiña explicou que non se puido facer ata o de agora por distintos motivos: unha pequena porcentaxe dos veciños rexeitaron sumarse á iniciativa, algunhas vivendas están deshabitadas e nalgunhas atópanse coa circunstancia de que cando o persoal técnico chega a entregar o módulo non hai ninguén na casa

O persoal da Federación Rural Galega (Fruga) entrega o módulo e días máis tarde regresa para axudar aos veciños na súa instalación e posta en funcionamento. O ideal é que as persoas encargadas da súa xestión en cada vivenda xa recibisen formación específica nalgunhas das charlas realizadas na parroquia e xa asinasen o formulario de adhesión ao proxecto, pero se non o fixeron, poderán cubrilo no momento e explícaselle o funcionamento. 

O sistema é o mesmo en todas as parroquias. Na fase 1 de Salcedo xa se realizou esa formación con charlas e a próxima semana empezará a repartición mentres que na fase 2 o vindeiro luns 21 de outubro empeza unha serie de cinco charlas que chegará a Casa Verde e ao Local social de Cabanas. 

O luns 21, o mércores 23 e o xoves 24 a formación de de o persoal técnico de Fruga será na Casa Verde e o martes e o venres, no local social de Cabanas. O Concello deseñou un programa de charlas polo que cada lugar da parroquia ten asignado un día para asistir a estas actividades, pero, no caso de que non poidan facelo, poderían sumarse a calquera outra das sesións da semana. 

O plan chegará de forma escolada a todo o rural de Pontevedra, onde o Concello ten previsto repartir preto de 8.000 composteiros ata finais de 2020. Durante dous anos, técnicos da Fruga farán un seguimento en todas as vivendas que participan no programa de compostaxe para comprobar que os parámetros do proceso son correctos, en cuestións relativas a temperaturas, ausencia de insectos ou incidentes puntuais. Ademais das visitas programadas, os técnicos estarán dispoñibles para resolver as dúbidas que lle poidan xurdir á persoa usuaria durante o proceso.