Ata 107 bandeiras azuis, o mesmo número que en 2019, ondearán este verán nas praias galegas. Delas, case a metade -un total de 52- foron outorgadas a areais de once concellos da provincia de Pontevedra.
Un ano máis, Sanxenxo é o líder indiscutible. Non só en Galicia, senón a nivel nacional. Dezasete das súas praias, tres máis que o pasado ano, presumirán deste distintivo ambiental.
Súmanse Area de Agra, A Lapa e O Espiñeiro. Estas dúas últimas é a primeira vez que a reciben por separado, xa que ata o de agora integraban un mesmo conxunto con Areas Gordas e A Nosa Señora da Lanzada, respectivamente.
O resto de praias renovan as súas bandeiras. Trátase de Areas, Baltar, Bascuas, Canelas, Caneliñas, Foxos, Major, Montalvo, Panadeira, Paxariñas, Pragueira e Silgar.
Telmo Martín, alcalde da vila turística, afirmaba ao coñecer a concesión que "estamos moi orgullosos de obter tres novas bandeiras azuise un distintivo en socorrismo e primeiros auxilios, un logro que foi posible grazas ao esforzo e ao empeño do persoal de medio ambiente". O distintivo temático de 'Socorrismo e Primeiros Auxilios' valora a seguridade dos arenais.
Tras Vigo que obtén dez bandeiras e Cangas que suma outras sete, é Marín o municipio que logra o maior número de distintivos, ao renovar os cinco recoñecementos para as praias de Aguete, Loira, Mogor, Portocelo e O Santo.
O goberno local considera que é unha "moi boa noticia para o noso turismo e a nosa natureza", para a cal se traballa todo o ano no mantemento e na boa saúde dos espazos naturais da vila.
Bueu tamén mantén as súas catro bandeiras para Area de Bon, Lagos, Lapamán e Portomaior. Desde o Concello de Bueu, o alcalde destaca a súa "satisfacción" por revalidar estes distintivos porque "confirma a boa saúde dos nosos areais". Félix Juncal agarda poder contratar pronto o persoal de socorrismo, aínda que recoñece que "imos xustos con respecto aos prazos".
A Illa de Arousa obtén dúas enseñas para Area do Secada e O Bao.
A resolución das bandeiras azuis deixa un "sabor agridoce" en Vilagarcía, segundo valorou o goberno local. A praia Compostela recupera o galardón perdido hai case unha década e a do Campanario manteno. Pola contra, o areal do Preguntoiro non renova o distintivo este ano. O Concello pediu a Adeac que concrete as causas que motivaron a resolución da praia de Vilaxoán, co obxecto de poder adoptar as medidas correctoras oportunas
A praia de Cabeceira (Poio) e a praia fluvial da Calzada (Ponte Caldelas) completan a lista de areais recoñecidos pola bandeira azul 2020 na comarca de Pontevedra.
No caso de Poio, o goberno local entende que esta distinción se deriva das diferentes iniciativas en chave medioambiental que se realizaron ao longo de 2019 e sinala que para 2020 está previsto manter esta tendencia. Mentres, o goberno de Ponte Caldelas considera que é un orgullo manter os dous galardóns, bandeira e sendeiro azul, ano tras ano, o que corrobora a calidade das augas e o trato "exquisito" a nivel medio ambiental.
Os criterios esixidos para a obtención de bandeiras azuis están relacionados coa calidade das augas, que teñen que ser excelente; a seguridade, a completa dotación de servizos, a accesibilidade, a atinada xestión ambiental e a sustentabilidade dos areais e das dársenas.
PORTOS E CENTROS AZUIS
Pola súa banda, cinco portos deportivos da provincia tamén obtiveron a bandeira azul. É un máis que o ano pasado, ao recuperala o Real Club Náutico de Sanxenxo. Súmase así, entre outros, ao Club Náutico de San Vicente do Mar (O Grove).
Ademais, Pontevedra logra o distintivo de seis centros azuis. Trátase da aula de natureza de Cabo Udra e o centro de interpretación de Agrelo (Bueu), o centro de interpretación de As Telleiras (Sanxenxo), o centro de interpretación da conserva (A Illa de Arousa) e o centro de interpretación dos petróglifos de Mogor e o Ateneo Santa Cecilia (Marín).