A mesa da sanidade de Poio pon o foco na falta de profesionais e o colapso de Urxencias

Pontevedra
10 de xaneiro 2023

O encontro serviu tamén para explicar os trámites realizados para a compra dos terreos nos que se construirá o próximo centro de saúde e en apoiar a campaña de recollida de firmas por unha sanidade pública de calidade

Reunión da mesa da sanidade do Concello de Poio Concello de Poio

A mesa sanitaria do Concello de Poio celebrou o pasado luns unha reunión que serviu para dar conta da situación actual, que segue marcada pola ausencia de profesionais, pola campaña de recollida de firmas en favor da sanidade pública e tamén nos movementos do goberno local para a compra dos terreos onde se construirá o futuro centro de saúde.

Sobre o primeiro asunto, explica a concelleira Marga Caldas que, segundo o Sergas, a vacante do consultorio de Raxó foi xa cuberta cunha interinidade. Con todo, a praza deslizante de Combarro e Anafáns segue sen cubrirse e a de mañá de Combarro cúbrese con contratos curtos ou coa ampliación de xornada dos facultativos en activo. Do mesmo xeito, seguen sen cubrir as vacacións, as baixas e o servizo de pediatría conta só con dous facultativos.

Por todo isto, os presentes na reunión acordaron establecer puntos informativos para completar a recollida de sinaturas, o apoio á manifestación do 12 febreiro e facer unha campaña informativa e divulgativa para movilizar o maior número de xente e a redacción dunha moción conxunta para denunciar a situación de colapso das urxencias sanitarias na área de Pontevedra e o Salnés.

En referencia a adquisición dos terreos da canteira de A Graña para habilitar o novo centro de saúde, Xulio Barreiro explicou que xa iniciaron todos os trámites pertinentes para entregar os terreos á Xunta.