O programa municipal 'A memoria das mulleres' que promove desde hai anos a concellería de Patrimonio dará un paso máis na súa nova edición e este semestre promoverá actividades nos centros educativos co obxectivo de "despertar o interese da memoria da cidade na xente nova".
Segundo deu a coñecer este venres o concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, a concellería configurou unha programación ampla e de todo tipo tanto para dentro como para fóra das aulas.
O programa inclúe obradoiros, teatro, documentais, roteiros e conferencias. Os centros interesados en participar nestas actividades poden solicitalas no correo patrimoniocultural@pontevedra.es. Ningunha ten custo algún para os colexios.
Trátase dunha oferta que dá continuidade a un proceso iniciado en cursos anteriores e que ten como unha das principais novidades a introdución dun obradoiro de rap sobre memoria histórica. O obxectivo é a transmisión da memoria a través do rap. Neste taller, utilizarase a música como ferramenta para que o alumnado coñeza o que aconteceu no ano 1936 e a posteriori.
As actividades estarán divididas en cinco bloques. Esta actividade rap forma parte do bloque destinado a obradoiros, e será impartida polo pedagogo e rapeiro galego García MC. Os grupos non serán superiores a 30 compoñentes e a duración será de unha hora e corenta e cinco minutos. Será para nenos e nenas a partir de 13 anos.
Neste bloque tamén haberá outro obradoiro chamado 'Recollemos a nosa historia' que será impartido pola firma MAOS de innovación social, cunha adaptación etnográfica nas aulas a través de traballos de campo, con dous sesións de cincuenta minutos.
O segundo bloque incluirá tres conferencias: Pioneiras, heterodoxas e rebeldes de María Xesús López Escudeiro; e A represión franquista contra as mulleres e As familias do 12 de novembro de Montse Fajardo.
O terceiro bloque, chamado 'Aulas nas rúas', estará a cargo de María Xesús López Escudeiro e Montse Fajardo. Trátase de tres actividades fóra das aulas, entre as que hai dous roteiros para coñecer a historia en feminino.
Nun deles, María Xesús López Escudeiro percorre co alumnado os lugares da cidade relacionados coa historia das mulleres, tanto pioneiras como traballadoras do común, e noutro Montse Fajardo guía un roteiro de memoria, que permite coñecer os escenarios relacionados coa resistencia ao golpe e coa represión desatada na cidade a partir de xullo de 1936.
Este último ten que ver co mural 'Mulleres de Pontevedra na Historia', pintado nunha fachada na rúa Poza dos Canos no que aparecen diferentes mulleres importantes da historia da cidade. A actividade trata de que o alumnado investigue sobre a biografía dunha das mulleres que alí están representadas e posteriormente nunha visita poidan identificala no mural.
O cuarto bloque consta da visualización de varios documentais. Un deles é Matriarcas, creado por alumnos vigueses no que abordan a represión franquista. Outro é A memoria negra que foi un proxecto do Concello no que persoas que foron represaliadas transmiten o relato.
'Teatro con historia' é o nome do quinto bloque, no que a memoria das mulleres será contada a través de pequenas obras de teatro nas que tres actrices rememorarían escenas da represión.
Para os profesores que queiran abordar estes temas nas aulas, está dispoñible para o seu traslado a exposición itinerante Do gris ao violeta e tamén a páxina web para poder informarse.