A mellora do saneamento na Seca e no porto de Campelo custará máis de tres millóns

Poio
15 de maio 2021

A Xunta activou outro dos investimentos recollidos no plan de saneamento local da ría de Pontevedra. Trátase do novo tanque de tormentas na Seca, que regulará o caudal cara a estación do porto de Campelo mellorando as instalacións

Vista aérea da ría de Pontevedra

A Xunta activou outro dos investimentos recollidos no plan de saneamento local da ría de Pontevedra. Trátase do novo tanque de tormentas na Seca, que regulará o caudal cara a estación do porto de Campelo mellorando as instalacións.

Nesta actuación, o goberno galego investirá máis de 3 millóns de euros. Polo de agora, vaise a redactar o proxecto. Once empresas presentaron as súas ofertas para encargarse deste traballo, que ten un prazo de execución de seis meses e un orzamento de 141.000 euros.

Na actualidade, o bombeo da Seca recibe as augas residuais dunha gran extensión da rede de saneamento do municipio de Poio, que en tempo de choiva non ten capacidade suficiente para bombear todo o caudal que recibe, polo que se producen alivios ao medio. 

A proposta a desenvolver neste contrato consiste na execución dun depósito de retención cunha capacidade útil de 500 metros cúbicos, previo ao bombeo, que permitirá laminar os caudais punta que recibe o bombeo da Seca, reducindo o volume de alivios.

Ademais, proponse a rehabilitación ou renovación do bombeo existente.

No caso do actual bombeo do porto de Campelo, situado nas inmediacións do porto, recibe augas residuais dunha porcentaxe alta da rede de saneamento de Poio e bombéaas ata o do Miradoiro, nas inmediacións da praia de Lourido.

O bombeo alivia na rede de pluviais, que á súa vez descarga directamente no porto de Campelo. Neste caso, a proposta prevista no plan de saneamento local consiste na realización dun novo bombeo cunha capacidade equivalente á actual ou a mellora do existente.