A mediados de xullo xa non estarán as aulas móbiles diante do Instituto Valle Inclán

Pontevedra
28 de xuño 2024

As obras do Instituto Valle Inclán de Pontevedra recibirán un novo impulso este verán para que todas as aulas estean operativas ao inicio do curso en setembro

Aulas móbiles do Instituto Valle Inclán Mónica Patxot

Este xoves tivo lugar unha reunión da comisión de seguimento das obras do instituto IES Valle-Inclán, de Pontevedra, onde se analizou o avance dos traballos co fin de que todas as aulas estean operativas para o inicio do curso escolar en setembro.

Segundo expuxeron os técnicos que participaron na xuntanza, nestes momentos xa están rematadas as obras das cubertas planificadas para a primeira e a segunda fase, o que supuxo actuar nunha superficie de 1.700 metros, que representa o 74% dos 2.300 metros totais de teito.

Agora durante a época estival estanse desenvolvendo as actuacións das cubertas previstas nas fases terceira e cuarta. 

Paralelamente, no interior do edificio estase traballando na segunda e terceira fase e desde a próxima semana comezarase coa montaxe da carpintaría exterior ata completar todas as fachadas do centro.

Por outra parte está previsto que a próxima semana se proceda á retirada de todas as pizarras e conexións dixitais das aulas móbiles do exterior e posteriormente, iniciar a desmontaxe das mesmas co obxectivo de que a mediados de xullo quede xa libre o espazo frontal do instituto. 

Xa en setembro, coas aulas completamente habilitadas e reformadas, iniciaranse as obras da zona administrativa do centro. 

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional inviste un total de 4,7 millóns nesta rehabilitación integral deste centro educativo. A intervención arrancou a mediados de setembro do ano pasado e prevese que estea totalmente rematada a comezos de 2025.