A Mancomunidade do Salnés formará aos propietarios de vivendas turísticas para que promocionen os recursos da comarca

O Salnés
18 de maio 2022

Dulcinea Aguín, presidenta de Aviturga, agradeceu á presidenta da Mancomunidade, Marta Giráldez, que inicie a senda da colaboración público-privada para afianzar o destino

Sinatura do convenio entre a Mancomunidade do Salnés e Aviturga Mancomunidade do Salnés

A Mancomunidade do Salnés e Aviturga, asociación de vivendas turísticas de Galicia, poñerán en marcha ao longo deste ano unha serie de actividades e iniciativas formativas para que os anfitrións locais coñezan en profundidade os recursos e activos turísticos do xeodestino e póidano promocionar entre os miles de hóspedes que aloxan cada verán.

Así o explicaron este mércores en rolda de prensa a presidenta da Mancomunidade do Salnés, Marta Giráldez e a presidenta de Aviturga, Dulcinea Aguín nun acto no que tamén interveu o xerente da Mancomunidade Ramón García Guinarte tras a firma dun convenio de colaboración entre ambas as entidades.

"O presente e o futuro do sector dependen en gran medida do esforzo, dedicación, formación e traballo de todos os axentes que o conforman", comezou Marta Giráldez para explicar que o acordo alcanzado con Aviturga facilitará a profesionalización e cualificación do capital humano, como un factor crave para afianzar a calidade do destino.

Mediante unha serie de actividades prácticas, que inclúen visitas aos principais enclaves turísticos do Salnés, os propietarios de aloxamentos turísticos, así como calquera outro profesional do sector que desexe participar, converteranse en anfitrións dos produtos locais, dos seus recursos, actividades e servizos que o xeodestino pode ofrecer tanto aos peregrinos como aos visitantes en xeral.

Este ciclo formativo comezará cunha xornada teórica na que a Mancomunidade do Salnés realizará unha presentación do destino, dos seus recursos turísticos, actividades e ferramentas que serán presentadas a propietarios e profesionais do sector.

Entre o mes de xuño e novembro, en fin de semana e con distintos horarios, convocaranse polo menos cinco xornadas prácticas para que os propietarios de vivendas de uso turístico vivan a experiencia que poderán trasladar aos seus hóspedes, recomendándolles por exemplo realizar o Roteiro da Camelia, participar na Translatio, formar parte dunha xornada de marisqueo ou adentrarse no enoturismo.

Dulcinea Aguín, presidenta de Aviturga, agradeceu á Mancomunidade a boa disposición para alcanzar este acordo que abre unha vía de colaboración entre o sector público e privado, unha senda que, segundo explicou, "é imprescindible explorar conxuntamente para avanzar na consolidación do destino".

O contido do acordo alcanzado entre Aviturga e a Mancomunidade será presentadoeste xoves aos propietarios nun acto aberto que terá lugar no salón de actos de Exposalnés ás 19 horas.