A Mancomunidade de Montes de Pontevedra rexeita a instalación da central de biomasa de ENCE en Lourizán

Pontevedra
20 de xullo 2016

A Mancomunidade de Montes de Pontevedra, que integra a trece comunidade de montes do concello de Pontevedra, considera un erro moi dañino a instalación anunciada por ENCE dunha planta de biomasa nos terreos que ten concedidos en Lourizán

Instalacións de ENCE Pontevedra Juan Mejuto

A Mancomunidade de Montes de Pontevedra, que integra a trece comunidades de montes do Concello de Pontevedra, considera "un erro moi dañino" a instalación anunciada por ENCE dunha planta de biomasa nos terreos que ten concedidos en Lourizán. Recorda que a empresa xa ten alí instalada actualmente una planta de biomasa na que queima os residuos forestais que xera e que lle permite autoabastecerse de enerxía eléctrica e mesmo ás veces venderlle o sobrante á rede eléctrica.

Con esta iniciativa ENCE pretende instalar unha planta térmica de produción de electricidade para ganar posicións no mercado enerxético español. A fábrica prevista terá unha potencia de 40 megawatios, "polo que consumirá máis de mil toneladas diarias de produtos forestais", especialmente procedentes do eucalipto e piñeiro, "provocando un aumento exponencial de tráfico de camións de grandes dimensións polas estradas da comarca de Pontevedra", sinalan nun comunicado.

Os comuneiros lembran que estas centrais térmicas están dotadas dunha gran torre de refrixeración, que emite grandes cantidades de vapor de auga, fume e cantidades variables de CO2, dióxido de xofre e cinza, "o que irremisiblemente contribuirá a aumentar o grao de contaminación atmosférica da Ría de Pontevedra, en detrimento da súa vocación marisqueira e turística".

Dende a mancomunidade de montes de Pontevedra afirman que a maioría dos estudos sobre o aproveitamento da biomasa forestal aconsellan a instalación destas centrais térmicas en comarcas con masas boscosas de gran produción forestal de eucalipto e piñeiro, dado o seu gran consumo.

A comarca de Pontevedra, con gran presenza de poboamento disperso, leva xa anos controlando os seus bosques de piñeiros e eucaliptos e substituíndoos aos poucos por frondosas caducifolias que permitan un crecente uso social. Os matos dos particulares, cada vez máis afectados pola lexislación contra os incendios forestais, tamén están reducindo a produción destas especies. Polo que conclúen que estas "non son as condicións idóneas para a instalación dunha central térmoeléctrica de biomasa". 

Aínda mais, no seu escrito os comuneiros pontevedreses din que a maioría dos estudos sobre o aproveitamento da biomasa forestal aconsellan a plantación de cultivos forestais para reducir custos de transporte dos montes dedicados á produción de madeira. Estes cultivos forestais, que xa empezaron da man de ENCE noutras partes de España, "significa plantación densa de eucalipto e corta cada cinco anos, cun tipo de explotación que imposibilita calquera outro uso". Por iso xa prevén que "aumentará a presión sobre os propietarios particulares para realizar estas plantacións". 

"A Xunta de Galicia está máis pendente dos beneficios económicos da empresa que dos intereses xerais dos galegos"

Por todas estas razóns, a Mancomunidade de Montes de Pontevedra considera un erro "outro máis" a instalación dunha central térmica nos terreos do areal de Lourizán "porque non reúne as condicións socio-ambientais axeitadas". 

"Manifestamos que novamente as razóns de tal ubicación son económicas en beneficio da empresa: permítelle utilizar gratuítamente o gran caudal de auga do río Lérez que ten concedido en condicións privilexiadas e pode ademais utilizar o areal de Placeres como sistema de refrixeración complementario que lle supón un gran aforro económico na súa produción enerxética".

Finalmente sinalan que "deste xeito, soamente se entende esa errónea e lamentable ubicación poñendo os intereses económicos da empresa como prioritarios a calquera criterio social ou ambiental. E as lamentables e vergoñentas declaracións do conselleiro de Industria, Francisco Conde, instando á ENCE a bulir na instalación da central térmica, nos reafirma na nosa impresión de que a Xunta de Galicia está máis pendente dos beneficios económicos da empresa que dos intereses xerais dos galegos".

Arquivado en