A maior concentración de embarcacións tradicionais do estado tomará Combarro

Poio
17 de xuño 2017

O Museo do Pobo Galego acolleu este sábado a presentación oficial do XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrará en Combarro do 29 de xuño ao 2 de xullo

Sinatura do convenio coas Consellarías do Mar e Cultura Culturmar

O Museo do Pobo Galego acolleu este sábado a presentación oficial do XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrará en Combarro do 29 de xuño ao 2 de xullo. Tras proceder á sinatura dos convenios que garanten a colaboración das Consellerías do Mar e Cultura; o presidente de Culturmar, Manuel García Sendón; e o do Club Mariño A Reiboa, Joaquín Fabeiro; procederon a debullar unha programación que garante catro días de actividade ininterrompida ligada á cultura marítima e fluvial.

Exposicións, obradoiros, recitais, presentacións de publicacións, andainas, actividades infantís e concertos servirán de complemento, en terra, á actividade que se desenvolva no mar. E é que a navegación pola ría de Pontevedra será, como non podía ser doutro xeito, o principal atractivo que mobilice a unhas 150 embarcacións tradicionais chegadas de toda Galicia; pero tamén de Portugal ou do País Vasco.

Cabe destacar a confirmación "dun gran desembarco" dese último territorio. E é que unha delegación euskaldún seguirá moi de preto o desenvolvemento das catro xornadas do encontro, co obxectivo de tomar ideas e tentar exportar o formato a terras vascas.

As previsións pasan porque unhas 100.000 persoas se acheguen a Combarro para gozar da completa programación que o XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia ten que ofrecer. Así o estima o edil de Turismo do Concello de Poio, Xosé Luís Martínez, que aproveitou a súa intervención no acto de presentación para destacar a perfecta maridaxe entre o mar e un municipio que dende 1999 é de Interese Turístico Galego.

O importante traballo pola recuperación do patrimonio marítimo e fluvial e a súa divulgación realizado por todas as asociacións que integran Culturmar foi un dos aspectos máis loubados no acto. A ese aspecto fixo referencia o responsable de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal, que tamén lembrou que, despois de trece edicións, "os encontros son un referente a nivel galego e deben selo tamén a nivel estatal e mesmo internacional".

Tamén o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia destacou o valor dunha iniciativa que supón a posta en valor "do patrimonio cultural vivo, que forma parte do noso día a día". Anxo Lorenzo referiuse ao encontro como "unha das manifestacións da cultura marítima máis singulares de toda España. Non existe en España un evento desta potencia, e con esta capacidade de atracción", indicou. Ao tempo, recordou a recente resolución de incoación do procedemento para declarar Ben de Interese Cultural as técnicas construtivas da carpintería de ribeira.

A conselleira do Mar foi a encargada de pechar o acto. Fíxoo loubando a singularidade de Combarro e os seus evidentes vínculos coa tradición mariñeira. "É necesario que Galicia enteira achegue gozar do noso mar no encontro. Estou convencida, e dígoo de corazón, de que todo aquel que suba a unha embarcación tradicional e saia navegar seguro que repetirá", concluiu Rosa Quintana.