A.M.A., a mutua dos profesionais sanitarios, foi recoñecida como a mutualidade con maior nivel de transparencia e independencia nun amplo e pormenorizado informe-ranking elaborado de maneira independente pola Fundación Compromiso e Transparencia.
No informe analizáronse as principais aseguradoras que operan en España, entre elas 42 sociedades anónimas e 14 mutualidades, para coñecer que compañías ofrecen menos risco por ser máis transparentes e independentes dos seus auditores externos.
A.M.A. encabeza a clasificación de 2020 na que se examinaron seis áreas diferentes: a prestación de servizos de auditoría e avaliación de solvencia pola mesma entidade; a rotación dos auditores externos; o proceso de selección do revisor; a participación do órgano de goberno na avaliación do informe de solvencia; a porcentaxe de ingresos por servizos diferentes da auditoría legal; e a transparencia na desagregación dos servizos que presta a auditoría. Trátase, por tanto, dunha análise exhaustiva na que a mutua dos profesionais sanitarios acreditou a mellor resposta aos estándares esixidos.
Segundo os datos solicitados pola Fundación Compromiso e Transparencia, entre as 56 aseguradoras analizadas sorprende que haxa aínda 33 que non publican na web as contas anuais individuais nin os correspondentes informes de auditoría.
En opinión do Dr. Diego Murillo, presidente de honra de A.M.A., "este importante recoñecemento vén corroborar o traballo e o esforzo do Consello de Administración da nosa mutua pola transparencia e a avaliación da solvencia. Sempre nos ocupamos de incrementar as canles de información porque o aliñamento cos mutualistas é un dos nosos principais valores diferenciais".