A lonxa trasládase á planta baixa do Mercado de Abastos

Pontevedra
13 de outubro 2017

Están xa solicitados todos os permisos á Xunta de Galicia e agora o Concello ten a intención de sacar a concurso público a explotación da Lonxa que nos últimos tempos estaba a ser explotada por unha persoa

Mercado de Abastos de Pontevedra Mónica Patxot

A concelleira de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías, informou dos preparativos para o novo proxecto deseñado polo goberno local para o Mercado de Abastos que ten previsto implementar a cargo dos fondos europeos DUSI.

Durante os últimos meses a concelleira e os servizos técnicos municipais mantiveron reunións coas praceiras, tanto coas asociacións como a título particular, para abordar o traslado dos postos que se atopan na primeira planta, "un paso básico na posta en marcha do novo mercado", afirmou Anabel Gulías.

O primeiro resultado efectivo destas conversacións é o cambio de emprazamento da lonxa que nun prazo de quince días baixa á planta de acceso deixando de ocupar un espazo do primeiro piso. "Este é un paso na aposta decidida" por este traslado, afirmou a edil nacionalista, que non ocultou que "nalgún momento tivemos resistencias" que puideron vencer.

O custo do traslado da lonxa está orzado nuns 21.000 euros (IVE incluído) para sufragar o desprazamento dos elementos instalados actualmente no primeiro piso, o traslado dun posto de conxelados que ocupaba o espazo onde agora situarase a nova lonxa, a colocación dunha persiana automática de aluminio, o tapado de ocos e a montaxe do falso teito, pintado e novo pavimento.

Están xa solicitados todos os permisos á Xunta de Galicia e agora o Concello ten a intención de sacar a concurso público a explotación da lonxa que nos últimos tempos estaba a ser explotada por unha persoa.

O luns a concelleira Anabel Gulías convocou un encontro con todas as praceiras do mercado para informar da proposta técnica do Concello para baixar as fruteiras que ocupan o espazo central do primeiro piso. "Antes de facer ningún movemento nós prometemos que iamos informar ", destacou a edil.