A loita pola igualdade líbrase estas semanas nos centros educativos de Pontevedra

Pontevedra
24 de abril 2022

Os contacontos 'Somos iguais. Contos pola igualdade' promovidos pola Concellería de Igualdade e o CIM de Pontevedra no marco do programa deseñado arredor do 8M, vanse repetir nos centros educativos pontevedreses debido ao grande éxito acadado

Obradoiro de igualdade no colexio de Campolongo Concello de Pontevedra

Os contacontos 'Somos iguais. Contos pola igualdade' promovidos pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra no marco do programa deseñado arredor do 8M, Día Internacional da Muller, vanse repetir nos centros educativos pontevedreses debido ao grande éxito acadado.

Así o deu a coñecer este sábado a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco. Asegurou que foron "un rotundo éxito de convocatoria" que, "ademais de facer que nos sintamos moi felices sobre o nivel de implicación e concienciación existentes sobre a importancia que a educación ten na erradicación do machismo, traducirase na repetición" destes contacontos impartidos por Raquel Queizás.

Esta actividade busca formar en valores e actitudes de igualdade ao alumnado dos centros educativos do municipio e a pasada semana chegou ao alumnado de educación infantil dos CEIP A Xunqueira II e Álvarez Limeses.

A programación continuará a vindeira semana. Este luns 25 de abril estará no CEIP Cabanas (Salcedo); o martes 26 irán ao Manuel Vidal Portela; e o venres 29 serán o Daría González.

Seguirán no mes de maio. O luns 2 de maio, na EEI de Verducido; o martes 3, no CEIP San Martiño; o mércores 4, no CEIP de Campañó; o xoves 5 de maio, no CEIP Santo André de Xeve; o venres 6, no CEIP Vilaverde; o martes 10, no CEIP Froebel; o mércores 11, no CEIP Barcelos; e o xoves 12, na EEI Fina Casalderrey.

A concellería e o CIM tamén retomarán a vindeira semana nos CEIP Ponte Sampaio (mércores 27 de abril), Cabanas, Daría González (xoves 28) e Campañó (venres 29) os obradoiros de igualdade 'Libres de estereotipos' e 'Machismo Game Over'.

Tamén terán sesións nos colexios Vilaverde (venres 6 de maio), A Xunqueira I (martes 10) e Santo André de Xeve (mércores 18). T

Este venres comezaron tamén no instituto Valle Inclán os obradoiros de igualdade 'Hackeando ao machismo a golpe de likes' e 'Igualdade nos tempos de Tik Tok', orientados a alumnado de Secundaria e que continuarán o luns 2 e o martes 3 de maio no IES Torrente Ballester e o 8 de xuño no IES A Xunqueira I.

Tamén están previstas sesións dos talleres 'Buzón Vermello' e 'Non é non', para estudantes de FP e Bacharelato, no CIFP Carlos Oroza e no IES Sánchez Cantón nos meses de maio e xuño (en datas aínda por determinar).