A loita duns veciños de Bora contra as velutinas: "Ninguén nos axuda. Non podemos nin abrir as ventás"

Pontevedra
23 de outubro 2019

Tres meses esperando para que as autoridades retiren un niño de velutina que, ademais, está a crecer de maneira alarmante a cada día que pasa. Así están uns veciños de Bora que, fartos de que os seus avisos caian en saco roto, esixen que se adopten medidas urxentes

Torre de tensión, ao carón da casa, onde se asentaron as velutinas PontevedraViva

Tres meses esperando para que as autoridades retiren un niño de velutina que, ademais, está a crecer de maneira alarmante a cada día que pasa. Así están uns veciños de Bora que, fartos de que os seus avisos caian en saco roto, esixen que se adopten medidas urxentes.

A escasos metros dunha vivenda da parroquia, as velutinas asentáronse nunha torre de alta tensión en activo. O niño foi detectado o pasado mes de xullo, data na que os veciños realizaron o seu primeiro aviso á Xunta de Galicia.

Segundo denuncian, os responsables do programa que xestiona a retirada destes niños responderon de maneira negativa, xa que tiñan que pedir permiso á compañía eléctrica, Unión Fenosa Distribución, para cortar a luz durante cinco minutos.

Desde entón, ao longo de todo este tempo, os afectados realizaron varios avisos máis pero, a pesar da súa insistencia, ninguén se presentou no lugar nin sequera para revisar o niño ou tomar medidas para capturar a estas molestas inquilinas. Tampouco desde Fenosa.

O niño, desde entón, foi crecendo "proporcionalmente", segundo advirten os veciños, tanto en tamaño como na cantidade de avespas desta especie invasora.

As velutinas, relatan os que están forzados a convivir con elas, adoitan pasearse polo xardín da súa vivenda e, a pesar de colocar varias trampas con botellas e atrapar xa unha gran cantidade delas, "seguen aparecendo e reproducíndose".

"Vivimos coas xanelas pechadas", aseguran estes veciños, que afirman que por sorte "non tivemos ningún susto" e, a pesar de que algún dos afectados é alérxico, a ninguén lle picou unha destas avespas. En parte, explican, polo esforzo dos propios afectados por combater esta praga con trampas con mel e veleno.

Arquivado en