A liquidación do orzamento de 2020 permitirá incrementar os investimentos do Concello a 44 millóns de euros

Pontevedra
11 de marzo 2021

Segundo explicou o concelleiro Raimundo González, responsable de Facenda, vai pasarse dos case 13 millóns incluídos no orzamento de 2021 a 44 millóns de euros de fondos propios en investimentos que permitirán reactivar a economía local 

Raimundo González, edil de Facenda en Pontevedra Mónica Patxot

Raimundo González, concelleiro de Economía e Facenda, anunciaba este xoves que o Concello de Pontevedra incrementará os investimentos previstos para este 2021 ata unha cifra que alcanza os 44 millóns de euros a través de fondos propios.

Estes datos ofrecíaos despois de que os técnicos municipais realizasen a liquidación do orzamento de 2020, un mes antes do que se fixo no ano anterior. González explicou que os investimentos previstos se sitúan actualmente en 12,9 millóns de euros para este ano, pero grazas aos remanentes alcanzaranse os 44 millóns que, segundo manifestou, "permitirán reactivar a economía local" nestes momentos de crise como consecuencia da pandemia.

Na liquidación do orzamento do ano pasado figuran 76.718.000 euros de ingresos fronte aos 69.893.000 de gastos. O remanente de tesourería é de 24.240.000 euros e o superávit alcanzado ascende a 1.754.000 euros.

A débeda municipal sitúase en 7.940.000 euros, o 11% dos dereitos recoñecidos, apuntou o concelleiro, sendo a mesma que hai 35 anos. Ante estes datos, Raimundo González afirmou que a situación financeira das arcas municipais "é moi boa". 

Tamén indicou que ao atoparse en suspenso a aplicación da Lei Montoro, o goberno local pode utilizar os recursos sen límite para abordar a situación actual co obxectivo de poñer en marcha fórmulas para reactivar a economía no municipio.

Segundo os cálculos do concelleiro, estas cifras permitirán a creación de 2.100 postos de traballo durante os próximos dous anos e poderanse incrementar os investimentos municipais en 2021 ata os 100 millóns de euros. Neste montante inclúense os 58 millóns de investimentos previstos no contrato do servizo de auga de Viaqua.

Na actualidade, o Concello incorporou xa 13.976.000 euros procedentes de remanentes do pasado exercicio destinados a partidas comprometidas anteriormente como o acceso a Monte Porreiro, o parque forestal da Fracha, o ximnasio da Once ou a iluminación da ponte das Correntes, entre outras. Tamén se incorporan 14,2 millóns de euros previstos nunha próxima modificación de crédito, prevista para abril ou maio, para proxectos aínda por definir. Ademais súmanse 2,5 millóns que proceden de subvencións como o canon da auga ou un millón de euros solicitados para a renovación da iluminación en Xeve.