Trala aprobación do proxecto en Xunta de Goberno Local, a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural acaba de poñer en marcha o procedemento para licitar, cun orzamento de 198.965 euros, as obras de construción dunha nova zona de xogos no parque situado entre as rúas Pintor Laxeiro e Bacelar.
A área de lecer infantil ocupará unha parcela próxima aos 1.000 metros cadrados (o espazo de xogo ocupará unha superficie de 760 metros cadrados), converténdose na máis grande do barrio da Parda e a zona leste da cidade.
O novo parque infantil está deseñado cun 60% de superficie de xogos destinada a nenos maiores de 6 anos e un 40% a elementos pensados para menores de 6 anos e tamén a algún de carácter inclusivo.
Segundo sinala o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, "o parque infantil estará tematizado arredor da obra artística de José Otero Abeledo 'Laxeiro', coa finalidade de convertelo nun espazo de referencia e de dar a coñecer e poñer en valor diversos aspectos do traballo e vida dun dos pintores galegos máis importantes do século XX".
Valoraranse como melloras a baixa económica, a dotación de puntos de recarga, a redución do prazo de execución ata en 2 meses e a oferta dun plan de mantemento de 3 anos.
Estas obras veñen a sumarse aos traballos en marcha para a renovación paisaxística e mellora da seguridade do parque Maruja Mallo, adxudicadas á empresa Cespa cun orzamento de 57.831 euros.