A licitación a mellora dun camiño municipal en Vilalonga

Sanxenxo
25 de setembro 2023

A actuación está valorada en 53.237 euros e aplicaranse medidas para a mellora da seguridade viaria

Vial que comunica Xuncablanca e Altamira

O Concello de Sanxenxo saca a licitación a mellora do camiño municipal que comunica Xuncablanca e Altamira en Vilalonga por 53.238 euros. 

A actuación conta cunha subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural de 43.998 euros. Prevese un prazo de execución de 1 mes e a superficie total da actuación é de 2.873 metros cadrados.

Trátase dun camiño con moderada intensidade de vehículos lixeiros e pesados que dan servizo ás explotacións forestais próximas. É unha vía de comunicación importante tanto para desprazamentos internos como de comunicación con Meaño cara ao sur e coa estrada PO-550 cara ao norte. 

As obras previstas consisten na reparación da capa de rodadura do camiño municipal mellorando a superficie de rodadura e a rede de drenaxe das escorrentías superficiais do vial e as leiras linderas. A zona de actuación é un camiño que comunica os núcleos de Xuncablanca e Altamira.

Actualmente ten un pavimento de material bituminoso deteriorado, con fochancas, zonas con desprendemento de capa de rodadura e patoloxía "pel de crocodilo" polo que se expón a súa renovación.

Tamén se inclúe a limpeza de cunetas a ambas as marxes para mellorar a escorrentía superficial e a drenaxe do camiño e leiras. Previo á pavimentación, se fresará o pavimento e aplicarase unha rega de adherencia. 

Posteriormente estenderase unha capa de rodadura bituminosa en quente e procederase á limpeza das cunetas. Ademais, incorpóranse unha serie de unidades de obra para a mellora da seguridade viaria mediante a colocación de bandas redutoras de velocidade, sinalización horizontal lineal e o pictograma de velocidade máxima 30 km/h.