A covid-19, que este venres deixa unha incidencia acumulada na Lama que supera os 1.000 casos por cada 100.000 habitantes, obrigou ao goberno municipal a suspender a celebración do Entroido 2021 e da feira mensual que tiña que celebrarse o domingo 31 de xaneiro.
A decisión, segundo traslada o Concello, foi "moi meditada" e estivo baseada nos indicadores sanitarios e na alta incidencia que está a acadar o número de positivos detectados pola covid-19 e que desaconsellan realizar ningún acto público ou privado con máis de catro persoas.
A suspensión do Entroido é debido á "imposibilidade" de garantir a seguridade sanitaria e coa fin de evitar correr calquera risco que empeore a situación sanitaria do municipio.
O mesmo sucede coa feira deste mes, ao entender que a concentración de persoas é "incompatible" coas novas normas e restricións impostas polas autoridades sanitarias.
Este mercado quedará suspendido "ata que as condicións melloren e sexa posible realizar con plenas garantías este tipo de eventos", sinalan desde o Concello.
O alcalde, Jorge Canda, manifestou o seu pesar por ter que tomar estas decisións, pero argumentou que "hai que antepoñer sempre e en todo lugar a seguridade das persoas" e preservar aos veciños e veciñas de calquera posibilidade de contaxio.
"Cando venzamos entre todos esta pandemia xa haberá momentos para celebralo todos xuntos, con responsabilidade. Agora o que toca é ser prudentes, respectar e seguir as indicacións das autoridades sanitarias", engadiu Canda.