A Lama repartirá 200 composteiros entre os seus veciños

A Lama
11 de novembro 2020

O goberno local presentou este mércores a súa campaña de promoción da compostaxe que completará coa instalación de tres composteiros comunitarios en distintas zonas do municipio. Os interesados deben contactar co Concello para inscribirse no programa

Daniel Vidal, concelleiro da Lama, presenta a campaña de compostaxe Concello de A Lama

O Concello da Lama repartirá 200 composteiros individuais e instalará 3 comunitarios por todo o municipio nun proxecto subvencionado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional que foi presentado este mércores polo concelleiro Daniel Vidal. 

O proxecto comezará coa repartición, por orde de inscrición, dos 200 composteiros domésticos. Os comunitarios destinaranse ao centro escolar, a bloques de vivendas e á hostalería do centro urbano.

O Concello repartirá folletos informativos e divulgará un vídeo a través das redes sociais para explicar á poboación como inscribirse e como facer compost de forma correcta.

Para inscribirse, os interesados deberán acudir ao Concello ou contactar por teléfono achegando seu DNI e a referencia catastral da vivenda na que se instalará o composteiro. Ademais, os beneficiarios recibirán información e formación para realizar de forma correcta esta actividade tan beneficiosa para a economía local e o medio ambiente.