A investigadora e activista Massouda Kohistani falará en Pontevedra da situación das mulleres en Afganistán

Pontevedra
22 de marzo 2023

Esta charla terá lugar o vindeiro martes 28 e está promovida por Amnistía Internacional Galicia coa colaboración da Vicerreitoría

A investigadora, docente e activista polos dereitos humanos Massouda Kohistani Amnistía Internacional

A investigadora, docente e activista polos dereitos humanos Massouda Kohistani falará na Casa das Campás da situación das mulleres en Afganistán.  

Esta charla terá lugar o vindeiro martes 28 ñas 19:00 e está promovida por Amnistía Internacional Galicia coa colaboración da Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade.

Massouda Kohistani viuse ameazada de morte e obrigada a deixar o seu país tras a subida ao poder dos talibáns en agosto 2021. Refuxiada desde entón en España, Kohistani está a ter un papel moi activo na visualización da situación da muller no seu país natal.

Membro da Unidade de Investigación e Avaliación de Afganistán e da Afghan Womens's Network, Kohistani porá o foco neste encontro aberto na "delicada situación que viven as mulleres e nenas de Afganistán" tras a toma de poder por parte dos talibáns, como destacan desde Amnistía Internacional. 

Como lembra esta organización, as mulleres afgás "retrocederon no seu dereito á educación, pois xa non poden asistir ao colexio ou á universidade", ao igual que "no seu dereito ao traballo remunerado, pois xa non se lles permite exercer a súa profesión", á vez que tampouco "poden ser donas do seus propios negocios ou ocupar cargos público", do mesmo xeito que "estase limitando de novo a súa liberdade de movemento de expresión e asociación".