A investigación sobre o autobús de Cerdedo durará "semanas" e incluirá unha reconstrucción do accidente

Cerdedo-Cotobade
27 de decembro 2023

Sobre as causas do sinistro, o delegado do Goberno nada puido adiantar e afirmou que a investigación seguirá adiante coa toma de declaración ao condutor do autocar e á única sobrevivente do accidente, así como coa recuperación do tacógrafo para saber se se poden extraer datos que acheguen información sobre o ocorrido

Traballos para retirar o autobús accidentado do Lérez EFE / Salvador Sas

A investigación aberta para coñecer con exactitude as causas do accidente do autobús que caeu ao río Lérez en Noiteboa desde a ponte de Pedre (Cerdedo-Cotobade), unha vez recuperados os corpos dos sete falecidos, levará "semanas".

Así o asegurou o delegado do Goberno, José Miñones, que desvelou que un grupo da Garda Civil especializado procedente de Mérida, onde se sitúa a Escola de Tráfico do instituto armado, levará a cabo a investigación do sinistro.

Os traballos para tratar de retirar do leito do Lérez o vehículo sinistrado comezaron ás oito da mañá deste martes e nun primeiro momento consistiron en comprobar se a ponte pode resistir o peso do guindastre ou guindastres de gran tonelaxe que terán que izar o autobús, así como ter en conta tamén a forza que exerce a forte corrente do río.

O delegado do Goberno explicou que o izado do vehículo correspóndelle á empresa propietaria, Monbus, en coordinación con técnicos do Ministerio de Transportes e coas forzas e corpos de seguridade.

Miñones indicou que o izado do vehículo será "unha tarefa complicada", debido ás medidas de seguridade que terán que despregarse, e que "vai levar tempo", polo que non puido asegurar que a recuperación do vehículo do leito poida producirse ao longo do día de hoxe.

Sobre as causas do sinistro, o representante do Goberno nada puido adiantar e afirmou que a investigación seguirá adiante coa toma de declaración ao condutor do autocar e á única sobrevivente do accidente, así como coa recuperación do tacógrafo do vehículo para saber se se poden extraer datos que acheguen información sobre o ocorrido.

"Mentres non teñamos avances desa investigación non poderemos dar ningunha información. Sabemos que as causas poden ser múltiples", dixo Miñones, que emprazou a deixar traballar á unidade especializada da Garda Civil de Tráfico, que fará unha reconstrución do accidente.

Como dixo o delegado do Goberno, recompilar a información "levará tempo", e indicou que "ata as próximas semanas" non se terá toda a información para coñecer o sucedido. 

Arquivado en