A investigación da traxedia de Cerdedo apunta a que a causa "fundamental" foi un exceso de velocidade do autobús

Cerdedo-Cotobade
21 de setembro 2023

Nove meses despois, a Garda Civil completou a investigación do tráxico accidente que sufriu un autobús a pasada Noiteboa, en Cerdedo-Cotobade, suceso no que faleceron sete persoas e que tinguiu de loito a esta localidade pontevedresa

Traballos para recuperar o autobús sinistrado en Cerdedo EFE / Salvador Sas

Nove meses despois, a Garda Civil completou a investigación do tráxico accidente que sufriu un autobús a pasada Noiteboa, en Cerdedo-Cotobade, suceso no que faleceron sete persoas e que tinguiu de loito a esta localidade pontevedresa.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, foi quen informou que a Garda Civil xa lles deu traslado dos resultados da súa investigación.

Este informe técnico xa está en poder do xulgado que investiga a causa e que, segundo Blanco, será o que deba determinar que percorrido xudicial seguirá esta instrución.

Sexa como sexa, o delegado indicou que o informe apunta a que a causa "fundamental" do accidente sería un "exceso de velocidade" por parte do condutor do autobús.

Descartan así que as condicións da vía ou a mala climatoloxía que había aquela noite condicionasen o sinistro de maneira significativa.

A investigación policial, que comezou xa tras o accidente, incluíu a participación dun grupo da Garda Civil especializado procedente de Mérida, onde se sitúa a Escola de Tráfico do instituto armado, que realizaron unha reconstrución do accidente.

Ademais, entre outras dilixencias, examináronse os restos do autobús de maneira minuciosa e tomouse declaración ao condutor e ás outras dúas persoas que sobreviviron ao accidente despois de que o autobús no que viaxaban caese ao río Lérez no viaduto de Pedre (Cerdedo).

Tras anunciar os resultados desta investigación, Pedro Blanco quixo apelar á "prudencia" dos condutores que circulan pola N-541 e dos responsables públicos "que avanzan hipóteses sen ter toda a información".

O Goberno, reiterou Blanco, está "comprometido" co mantemento e conservación desta estrada, xa que lembrou que existe un proxecto para investir cinco millóns nela.

Arquivado en