A "intolerable" violencia vicaria saca á rúa a políticos e institucións

Pontevedra
14 de xuño 2021

Políticos e representantes políticos do Concello e da Deputación Provincial de Pontevedra déronse cita este luns na escalinata do Pazo Provincial para dicir "basta" á violencia machista e a unha das formas máis crueis da mesma, a violencia vicaria, exercida contra os menores para facer dano ás súas nais  

Concentración contra a violencia machista e vicaria ante o Pazo Provincial Mónica Patxot

Políticos e representantes políticos do Concello e da Deputación Provincial de Pontevedra déronse cita este luns na escalinata do Pazo Provincial para dicir "basta" á violencia machista e a unha das formas máis crueis da mesma, a violencia vicaria, exercida contra os menores para facer dano ás súas nais. 

A concentración chega a raíz do asasinato das nenas Anna e Olivia por parte do seu pai en Tenerife, pero quixo amosar o rexeitamento das dúas institucións e de todos os seus concelleiros e deputados contra todo tipo de violencia de xénero e tamén lembrar aos 41 nenas e nenos asasinados desde 2013 pola violencia machista e ás 1.096 mulleres asasinadas desde 2003

Trátase dunha convocatoria xeral da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) á que tamén se sumaron outros municipios como Marín, cunha concentración a mediodía ás portas do Concello. 

Na escalinata do Pazo Provincial, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, explicou que o mundo local fai este minuto de silencio "para denunciar o que xa é intolerable" e que "a indignación non ten límites". As mulleres, asegurou, "estamos fartas do patriarcado, fartas do machismo e fartas de que nos asasinen a nós e ás nosas fillas e fillos". 

Tivo un especial recordo á violencia vicaria que ten como obxectivo "facer o dano maior posible ás mulleres, cunha crueldade intolerable" e tamén tivo presente que este ano 2021 xa van 18 mulleres e tres menores asasinados en España. "Se fora por calquera outro motivo, estaba España levantada en pé", sinalou, "estas cifras nos teñen que facer poñernos en pé e non consentir nin unha violencia máis contra as mulleres".

A concentración contou coa presenza de políticos de todos os grupos políticos con representación no Concello e a Deputación de Pontevedra e Carmela Silva agradeceu a presenza de todos eles, pero quixo tamén rematar recalcando, en alusión velada ao PP, que "non se pode ser cómplice con Vox", un partido que nega a violencia machista e vicaria. 

"Non podemos estar ao lado dun grupo político que nega o que nos acontece ás mulleres", sinalou, e lanzou un "aviso para navegantes": "non vale dicir que denunciamos a violencia machista e logo estar ao lado de quen a nega publicamente". Ela, como muller, xa avisa que non vai "consentir posicionamentos que non son de verdade porque si son de verdade, tes que estar en contra de grupos políticos e organizacións que negan que nos asasinan por ser mulleres".

En términos similares manifestouse o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que amosou a súa solidariedade con Beatriz Zimmermann, a nai das nenas asasinadas por Tomás Gimeno, e con todas as mulleres que sofren violencia machista e insistiu que "no século XXI é inasumible que estean pasando estas cousas". 

Para Lores, "algo estamos facendo mal" para non lograr frear a violencia de xénero, de maneira que toda a sociedade e as forzas políticas "teñen que reinventar como loitar contra o patriarcado e a violencia machista". Insistiu, ademais, en que "non é de recibo" que existan posicións negacionistas.