Evitar a soidade no rural e fomentar sinerxías entre as distintas xeracións. Ese é o espírito do proxecto que impulsa a asociación de veciños de Praderrei, en Campo Lameiro.
A iniciativa, baixo o lema Non pases o inverno só na casa, achégate á Fardoia, desenvolverase todos os domingos desde o próximo 21 de xaneiro, buscando que os veciños e veciñas de Praderrei teñan un novo motivo para saír do seu domicilio, como mínimo, unha vez á semana.
O obxectivo fundamental destas sesións, que se celebrarán entre as 16:30 e as 20:30, é evitar o illamento social dos veciños que viven sós durante o inverno, estación que pode levar aparellado un maior deterioro cognitivo das persoas de máis idade.
Dentro do abano de actividades que se presentan, inclúense xogos de mesa ou cartas, música propostas gastronómicas ou simplemente sentarse a falar para fomentar a confraternización entre a veciñanza e loitar contra esa soidade non desexada.
Ademaís, a asociacións de veciños quere que distintas xeracións poidan interactuar creando redes sociais e comunitarias que contribúan a coñecer e consolidar a historia do lugar.
Xunto con este proxecto, a asociación veciñal de Praderrei desenvolve outras actividades en distintas vertentes, destinadas a recuperar a súa historia, a dar visibilidade ao papel da muller e ao apoio aos cativos e persoas maiores, especialmente na axuda con trámites administrativos.
A súa filosofía supón unha evolución da concepción tradicional na que os veciños compartían medios e recursos para a realización das tarefas do campo pero que, neste caso, se adapta a unha nova realidade do século XXI.