A industria forestal galega facturou en 2017 máis de 2.200 millóns de euros

Pontevedra
19 de outubro 2018

A industria forestal e da madeira facturou máis de 2.200 millóns de euros en Galicia durante o ano 2017, un volume de actividade que non alcanzaba desde 2008, segundo recolle o informe "A cadea forestal-Madeira de Galicia 2017" elaborado por investigadores da Universidade de Vigo

Presentación do informe "A cadena forestal-Madera de Galicia 2017" Universidade de Vigo

A industria forestal e da madeira facturou máis de 2.200 millóns de euros en Galicia durante o ano 2017, un volume de actividade que non alcanzaba desde 2008, segundo recolle o informe "A cadea forestal-Madeira de Galicia 2017" elaborado por investigadores da Universidade de Vigo.

Este traballo, coordinado pola Escola de Enxeñería Forestal do campus de Pontevedra, reflicte tamén que en 2017 alcanzouse unha "cifra record", segundo o director do estudo, Juan Picos, en materia de exportacións cun volume de negocio de máis de 800 millóns.

O 56% destas exportacións, recolle o documento, tiñan como destino países da zona euro, mentres que outro 22% foi a outros países europeos e o outro 22% restante, en proporcións similares, a América, Asia e África.

Picos destacou que, en materia de madeira cortada, o sector superou por primeira vez os 8,5 millóns de metros cúbicos, o que supón o 46% da talla de toda España.

Máis da metade desta madeira procedía do eucalipto, que superou en 2017 os cinco millóns de metros cúbicos e rexistrou un incremento do 14% con respecto a 2015, mentres que, no relativo ás áreas xeográficas con maior actividade, o informe sinala a Mariña Lucense, a zona de Bergantiños, Ferrol-Ortegal, Lugo-Sarria, Santiago-Meseta Interior e Terra Chá.

O responsable do estudo destacou que estes datos demostran que o sector traballa "a unha velocidade de cruceiro encomiable" e que, a pesar de presentar determinadas "debilidades" constitúe un elemento "vertebrador" da economía galega.

A este respecto, Juan Picos sinalou que este sector "non depende dunha gran empresa tractora", senón que adoita "traballar en rede" e ten asociados un total de 20.320 postos de traballo directos, principalmente nas ramas de industrias da madeira, fabricación de mobles e industria de papel.

O director xeral da Axencia Galega da Industria Forestal, Ignacio Lema, explicou que este informe reflicte que Galicia é unha "potencia forestal" na que aínda hai unha "importante" marxe de crecemento para igualarse con países como Finlandia, Suecia ou Austria onde esta industria representa entre o 5 e o 7% do PIB.

Esta investigación universitaria permitirá, engadiu Lema, "deseñar medidas adecuadas" para revitalizar un sector que en Galicia ten unha "gran importancia" económica e social mediante a posta en marcha dun programa que "impulse" este coñecemento.

Algunhas destas "rutas de mellora", sinalou Juan Picos, deben pasar pola mellora do capital humano a través da formación, por desenvolver un "ecosistema de innovación", por promover a cooperación con outros sectores económicos, por traballar na valorización, comunicación e difusión e por unha maior competitividade e diversificación.

Con respecto a esta última proposta, Picos destacou a importancia que terán o desenvolvemento de novos produtos ligados á bioeconomía, como a aplicación da madeira no téxtil, nos bioplásticos ou en "compoñentes funcionais" en sectores como a automoción.