A madrugada deste venres estivo marcada pola impotencia en Caldas e Vilagarcía. A Xunta de Galicia activou o nivel 2 de emerxencia pola proximidade do incendio de Saiar aos núcleos de Castroagudín, en Vilagarcía, e Porteliña, en Caldas, e a poboación pasou a noite en vela, pendente da evolución dun lume que chegou ás portas das súas casas.
Unha veciña do núcleo da Pillosa, na parroquia de Cea, en Vilagarcía, relatou a PontevedraViva a madrugada de angustia que pasaron todos os residentes da zona afectada. "Ardeu toda a noite", lamenta. A pesar de que neste núcleo tan só desaloxaron dúas casas, a noite estivo chea de temor para toda a poboación.
"Non puidemos durmir. O lume case leva as casas de arriba", rememora aínda co susto no corpo. Ademais, relata os sons de explosións dos que se fan eco veciños de distintos núcleos e sinala "ata rebentou a tubaxe do gas".
Os veciños recoñecíanse na mañá deste venres "desbordados" e relataban esas sensacións de impotencia, que aínda duran durante a mañá, pois o lume segue sen controlar e ven desde as súas propiedades como hai rachas de vento que elevan as lapas por enriba das súas cabezas.
Na mañá deste venres pode verse a veciños loitando directamente contra o lume usando todo o que teñen ao seu alcance, de cubos a mangueiras. "Non temos medios, a mangueira non me chega, chamei aos bombeiros pero deben estar saturados", lamenta unha veciña que ve o lume xusto fronte á súa casa. Tan só unha estrada separa as lapas da súa propiedade.
José María González Araújo, concelleiro de Seguridade Cidadá de Vilagarcía, relatou na mañá deste venres que, nestes momentos, "preocupa o vento", que impide controlar o lume. Segundo os datos que facilita, en Vilagarcía foi necesario desaloxar durante a noite catro vivendas, pero os donos xa puideron regresar.