A iluminación en cores da Ponte do Burgo eleva o custe da súa reforma ata 2,5 millóns de euros

Pontevedra
15 de novembro 2017

Pensouse nun encedido gradual das luces que terán un colorido especial coincidindo cos días de festa ou coa celebración dalgún evento

Infografía da Ponte do Burgo iluminada Concello de Pontevedra

O concelleiro de obras, Demetrio Gómez, presentou este mércores o proxecto definitivo para a Ponte do Burgo que conta cun custe estimado de 2.561.390 euros. Deste cartos, 860.000 euros serán para o novo alumeado da ponte.

"A ponte do Burgo é a obra máis importante deste mandato", dixo o concelleiro en referencia "á responsabilidade histórica que supón traballar no cerne, na orixe, da cidade de Pontevedra".

Este plan para "gañar un novo espazo de referencia" pasa por peonalizar a ponte do Burgo e resaltar o valor monumental do viaduto. O anteproxecto xa ten o visto e prace da Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura, que recomenda conservar os edificios da cabeceira que se integrarán na praza pública, con bancos e 40 árbores, prevista no cruzamento da avenida da Coruña e Domingo Fontán, un espazo que no futuro podería ser ampliado coa eliminación da gasolineira.

O máis novo é o deseño da iluminación elixida que inclúe puntos de luz azul desordenados para destacar o percorrido do Camiño de Santiago, unha iluminación do taboleiro da ponte, e a iluminación dos arcos cun tendido que discorrerá polo leito do río.

Pensouse nun encedido gradual das luces que terán un colorido especial coincidindo cos días de festa ou coa celebración dalgún evento.

O proxecto aplica o "modelo Pontevedra" habilitando unha plataforma única de lousas dunha pedra de gran tamaño eliminando os tráficos rodados neste ámbito, excepto no entroncamento coa avenida de Buenos Aires e a continuidade das rúas Domingo Fontán e Juan Manuel Pintos, áreas onde os coches convivirán cos peóns. Ademais, quérese reforzar o seu papel preponderante no Camiño Portugués.

O goberno local conta con financiar esta obra con fondos europeos DUSI, pero non vai agardar pola súa tramitación e avanzará con fondos propios municipais os procesos de contratación de tal xeito que cando chegue a axuda xa se lle poida imputar ao proxecto.