A igualdade da muller en clave retributiva e social

Poio
26 de febreiro 2020

Os catro grupos da Corporación municipal do Concello de Poio aprobaron, de xeito unánime, unha moción para instar ao Goberno do Estado e á Xunta de Galicia a que acometan unha serie de medidas e actuacións en favor da igualdade e da supresión daquelas discriminacións "que impiden ás mulleres participar en igualdade de condicións en todos os ámbitos da sociedade"

Unha parella sentada nun banco Kayugee

Os catro grupos da Corporación municipal do Concello de Poio aprobaron, de xeito unánime, unha moción para instar ao Goberno do Estado e á Xunta de Galicia a que acometan unha serie de medidas e actuacións en favor da igualdade e da supresión daquelas discriminacións "que impiden ás mulleres participar en igualdade de condicións en todos os ámbitos da sociedade".

Trátase dun documento impulsado con motivo do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, e consensuado previamente.

Así, o escrito propón ao Executivo a aprobación do novo Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades 2019-2020, así como dar un pulo definitivo a un Pacto Nacional para a Conciliación Nacional e a Racionalización de Horarios.

Neste senso, a moción lembra que o vindeiro 1 de marzo terá lugar unha gran manifestación nacional en Verín, baixo o lema "Sen coidados non hai vida. Mudando o sistema, derrubando o patriarcado".

Precisamente, os coidados están no centro das reivindicacións, "polas consecuencias que ten para as mulleres galegas o sistema económico, político e social no que vivimos, que non podería sosterse sen desenvolver, en moitas ocasións, estes labores de xeito gratuíto ou a través da precariedade".

Ademais das reclamacións, o Concello tamén se compromete a implicarse neste tema a través de diferentes actuacións. Unha delas consistirá en ofrecer á veciñanza un transporte para tomar parte na mobilización do vindeiro domingo, "para contribuír á concienciación e reivindicación do dereito das mulleres a participar en todos os espazos da sociedade". Ademais, pendurarase a bandeira feminista na fachada do Consistorio "como acto simbólico de apoio á folga e ás reivindicacións do 8 de marzo".

BNG, PSOE, Avante e PP comprométense a través desta moción a "traballar polo avance da sociedade cara a igualdade de xénero, rexeitando calquera retroceso en dereitos e liberdades para as mulleres".

Con respecto ás demandas á Xunta de Galicia, o Concello ve necesario que a Administración autonómica facilite un informe sobre a cobertura das prazas de Pediatría do municipio desde o 1 de xaneiro de 2019, onde se dea parte das substitucións por baixa, permisos laborais e vacacións. Ademais, a Corporación solicita ao Executivo galego que, dentro das súas competencias, leve a cabo "accións para impulsar a igualdade retributiva das mulleres en todos os ámbitos".

Neste sentido, o texto firmado por todos os partidos políticos de Poio lembran que "no noso país existe unha fenda salarial de máis de 4.000 euros entre homes e mulleres, que se dá tamén nas pensións de xubilación en máis de 400 euros". O documento alerta de que o 75% das persoas con traballo a tempo parcial tamén son mulleres.