O proxecto de humanización da estrada PO-308 ao seu paso por Portonovo custará 2.328.775 euros e terá un prazo de execución de 15 meses.
Así o deu a coñecer esta fin de semana o Concello de Sanxenxo, que acaba de sacar a licitación este proxecto, financiado nun 70% pola Xunta de Galicia e un 30% pola administración municipal.
A actuación supoñerá unha profunda mellora do corazón comercial de Portonovo. Centrarase nun tramo de 810 metros e o obxectivo é conseguir que nesta vía gañen protagonismo as persoas fronte aos vehículos.
O proxecto servirá para delimitar os espazos, habilitando un tramo peonil accesible dun ancho mínimo de 2 metros, zona de tráfico cun carril para cada sentido, aparcamento en ambas as marxes e zonas de carga e descarga, así como espazos de descanso con xardinería para a súa humanización.
Para contribuír a reforzar a seguridade viaria e facilitar a fluidez do tráfico, o proxecto contempla habilitar dúas glorietas, unha de 23 metros de diámetro e outra de 27,5 metros, na intersección coa Rúa Areal e no cruzamento da Perla.
O deseño proxectado tamén inclúe a renovación dos servizos coa instalación das canalizacións subterráneas para o cableado de telefonía e para a electricidade que substituirán os actuais tendidos aéreos e a renovación das redes de abastecemento, saneamento, pluviais e de iluminación pública.
A execución da obra realizarase en 5 fases, de modo que as afeccións ao tráfico e á circulación peonil da rúa sexan as mínimas posibles.
O proxecto contempla actuacións en materia de paisaxismo que incidirán de maneira directa, mellorando a apreciación do mesmo por parte dos usuarios da rúa.
No referente ao arboledo, decidiuse utilizar Koelreuteria paniculta de 25-30 centímetros de perímetro, ademais do xénero Prunus. Coa finalidade de ofrecer unha visión con contrastes cromáticos, van dispoñer de tres tipos de roseiras arbustivas de distintas cores.