Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, anunciaba este martes as decisións adoptadas polo comité clínico durante a xornada do luns ante o récord de contaxios e a presenza cada vez máis importante da variante ómicrom na comunidade autónoma. Desta forma, avanzou que para Noitevella a hostalería pechará ás 01.00 horas desa xornada e durante o Aninovo só poderá abrir a partir das 10.00 horas para evitar "reenganches", explicou o responsable da sanidade en Galicia.
En canto ao ocio nocturno aínda non se adoptou unha decisión. Na tarde deste martes, o conselleiro manterá un encontro con responsables deste sector para tentar chegar a un acordo e que pechen ás 03.00 horas de Noitevella. No caso de que esta opción non sexa factible, decidirase o peche dos locais de lecer durante esa noite.
García Comesaña recomendou que nas ceas e comidas deses dous días se xunte como máximo dúas unidades familiares, preferiblemente as mesmas que se reuniron durante o 24 e o 25 de decembro. No ámbito público, o límite segue sendo de oito persoas por mesa en espazos interiores da hostalería e de dez por mesa no exterior.
TOQUE DE "NON QUEDA"
Ademais das medidas especiais para estes dous días, establécese tamén un período desde o 31 de decembro ata o 18 de xaneiro con outras limitacións. Na hostalería e a restauración o peche establecerase a partir das 00.00 horas todos os días, agás venres e sábados, que sería ás 01.00 horas. Os locais de lecer nocturno pecharán ás 02.00 horas.
Tamén se establece un toque de "non queda", indicou o conselleiro, entre as 02.00 e as 06.00 horas. Isto supón que non poderán transitar polas rúas aquelas persoas non conviventes, só se poderá camiñar nesa marxe horaria de maneira solitaria ou con integrantes do núcleo familiar. A medida, explicou García Comesaña, pretende evitar concentracións nocturnas nas rúas. As medidas aínda están pendentes da confirmación por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a quen se lle presentarán na mañá do mércores.
O certificado covid vai ampliarse a toda a xornada laboral na hostalería e anunciou que se incrementarán as inspeccións para comprobar que efectivamente se piden aos clientes. Se prohibe o consumo en barra en calquera contorna e nos eventos musicais masivos, o público deberá permanecer sentado, tanto en actos interiores como exteriores.
En canto ás cabalgatas de Reis, o conselleiro recomenda que se celebren en formato estático que permite un mellor control do público infantil e dos seus acompañantes para evitar grandes aglomeracións. Sobre a celebración das probas deportivas San Silvestre, típicas destas datas, García Comesaña explicou que se recomenda o uso da máscara entre os participantes e que se eviten concentracións de público durante o seu transcurso.
Insistiu no obrigatorio uso de máscara tanto no exterior como nos espazos interiores, lembrando que só se pode retirase no momento de inxerir alimentos ou beber.