A hostalería da cidade implícase no ITU Multisport Festival de tríatlon

Pontevedra
26 de marzo 2019

Responsables de Concello e Policía Local mantiveron un encontro con hostaleiros da cidade para preparar a gran cita deportiva do ano. Entre outras medidas, os profesionais do sector ofreceron a súa colaboración ampliando o horario de comidas para atender á multitude de visitantes que se esperan

Prueba de elite masculina e Sub23 do Mundial de Dúatlon de Pontevedra 2014 Diego Torrado

Ao redor de 4.000 deportistas e máis de 10.000 visitantes é o que espera recibir Pontevedra durante o ITU Multisport Festival, os mundiais de tríatlon que se celebrarán entre o 27 de abril e o 4 de maio.

Unhas cifras importantes e que necesitan de toda a colaboración posible posible para que o evento sexa un éxito en todos os sentidos.

Neste aspecto as concelleiras de Deportes e Promoción Económica, Anxos Riveiro e Anabel Gulías, xunto ao portavoz da Policía Local, mantiveron un encontro con representantes do sector hostaleiro, especialmente do centro histórico, para informais do desenvolvemento das diferentes probas.

Os hostaleiros, confirman desde o Concello, ofreceron a súa colaboración e implicación propoñendo medidas como a ampliación dos horarios de comidas para atender ás persoas de diferentes países, cos seus diferentes costumes, que estarán en Pontevedra durante esas datas.

En canto ás repercusións para o sector, informóuselles especialmente dos percorridos polo centro histórico, con especial repercusión nos sábados 27 de abril e 4 de maio, e que supoñerán novos sistemas e horarios de carga e descarga ou medidas sobre os veladores que se poderán ver puntualmente afectados.

Desde a Policía Local lembrouse pola súa banda que a través do teléfono 092 resolverase calquera dúbida sobre o dispositivo do ITU Multisport Festival.