A homenaxe do colexio do Carballal a Xela Arias ten premio

Marín
07 de novembro 2021

O colexio xa resultara premiado na edición dedicada a Carlos Casares e, nesta ocasión, volveu apostar pola música e o audiovisual para renderlle homenaxe a Xela Arias. Foi cun videoclip protagonizado polo alumnado de cuarto e sexto de primaria

Videoclip homenaxe a Xela Arias CEIP do Carballal

O colexio do Carballal de Marín é un dos tres gañadores do certame Contádenos o voso Día das Letras de Xela Arias, convocado pola Real Academia Galega dentro do proxecto dixital Primavera das Letras, que contou coa participación de 125 centros de toda Galicia.

Xa resultara premiado na edición dedicada a Carlos Casares e, nesta ocasión, volveu apostar pola música e o audiovisual para renderlle homenaxe a Xela Arias. Foi cun videoclip protagonizado polo alumnado de cuarto e sexto de primaria. 

A peza Canto sei! comeza cunha dramatización inspirada no libro de contos Non te amola!, a obra da protagonista do Día das Letras Galegas 2021 que permaneceu inédita ata este ano, e baséase nun poema de Darío a diario, o libro que a autora publicou sobre a maternidade.

A coreografía, argallada por Lola, alumna de 6º, púxose en escena coa participación masiva do alumnado do centro.

No palmarés do concurso acompañaron ao colexio marinense o CEIP Manuel Mallo (Lugo), que tamén reinterpretou de xeito creativo contos de Non te amola!, e o CEIP Souto-Donas (Gondomar), que entre outras cousas elaborou un mural en forma de crebacabezas.

Os tres colexios gañadores serán agasallados cun lote de libros e todos os participantes recibirán un diploma acreditativo.