A homenaxe aos políticos e funcionarios represaliados en 1936, aprobada por unanimidade

Pontevedra
20 de outubro 2014

Pontevedra homenaxeará en novembro os membros da corporación municipal e os funcionarios do Concello de Pontevedra que foron represaliados e destituídos como consecuencia do levantamento fascista de 1936. Unha comisión de traballo, presidida polo alcalde, será a que coordine os actos que formarán parte desta restitución simbólica

Pleno da corporación municipal de Pontevedra no Teatro Principal Mónica Patxot

Pontevedra homenaxeará en novembro os membros da corporación municipal e os funcionarios do Concello de Pontevedra que foron represaliados e destituídos como consecuencia do levantamento fascista de 1936. Así se acordou este luns por unanimidade no pleno celebrado no Teatro Principal. Unha comisión de traballo, presidida polo alcalde, será a que coordine os actos que formarán parte desta restitución simbólica.

A moción presentada polo BNG explicaba que estes represaliados formaban parte dunha corporación "elixida democraticamente" e que foron substituídos de forma ilexítima polas autoridades militares. Esta situación, recordou Luis Bará, supuxo o inicio dun período dunha "brutal" represión, cualificada mesmo como "programa xenocida", contra estas persoas que representaban ideais republicanos, galeguistas e de esquerdas.

Bará, que citou o nome de todos os represaliados "para que conste en acta", destacou que este acto simbólico é unha "obriga ética" e un acto fundamental de xustiza e de memoria colectiva, debido á vinculación de todas estas persoas con Pontevedra e que estes feitos, que se coñecen dende hai tempo e figuran nos arquivos municipais, "nunca foron revisados nin condenados".

Dende o PSdeG-PSOE, Antón Louro afirmou compartir "plenamente" esta proposta para homenaxear estes represaliados pontevedreses; mentres que o concelleiro popular, Miguel Ángel Meijón, asegurou que se trata dunha moción "lóxica, oportuna e merecida", mostrando así o respaldo do seu grupo a esta homenaxe e á condena do levantamento militar fascista de xullo de 1936 e todos os actos democráticos posteriores.

UNANIMIDADE NOUTRA MOCIÿN DO PLENO

Unha segunda moción, esta vez presentada polos socialistas, foi aprobada tamén por unanimidade de toda a corporación. Nela, o Pleno acorda instar o Ministerio de Interior a presentar, "canto antes", o proxecto de acondicionamento e apertura da sede que a Xefatura Provincial de Tráfico adquiriu en Campolongo en 2008. Trátase dun baixo de 1.429 metros cadrados, que lles custou máis de 4 millóns de euros.

Ademais, ofrecerase a plena colaboración do Concello de Pontevedra para buscar usos alternativos ao local que ocupan actualmente na entreplanta da rúa de Joaquín Costa, 56, no marco da actual normativa urbanística.