A Garda Civil sorprende un mariscador furtivo que faenaba usando unha táboa de surf en Chancelas

Poio
04 de outubro 2018

O furtivo é un veciño de Poio de 51 anos e foi denunciado por tres infraccións á Lei de Pesca de Galicia, unha polo exercicio da actividade extractiva carecendo de licenza, outra por non respectar as tallas mínimas permitidas e a terceira por pescar fóra dos horarios establecidos

Táboa de surf e marisco interceptados Guardia Civil de Pontevedra

A Garda Civil de Pontevedra sorprendeu un mariscador furtivo que faenaba usando unha táboa de surf na praia de Chancelas, en Poio, e foi localizado en posesión de diversas cantidades de berberechos e ameixas

Segundo informou a Garda Civil, os feitos sucederon a tarde deste mércores. Un vixiante da confraría de pescadores San Gregorio de Raxó avisou á Garda Civil de que acababa de ver a un suposto furtivo cando se dirixía cara a praia da Ouriceira, na parroquia de Combarro. 

Unha patrulla de seguridade cidadá do posto da Garda Civil de Pontevedra desprazouse ata o lugar e, coa colaboración dos vixiantes da confraría de San Telmo, puideron interceptar e identificar ao furtivo na praia de Chancelas.

Ao chegar á praia, interviñéronlle a táboa de surf, á que levaba axustada unha cadeira. Tiña unha bolsa de malla con 5,7 quilos de ameixas e berberechos, dos que máis da metade non alcanzaba a talla mínima esixida para a súa captura. Unha vez intervido e pesado, o marisco foi devolto á auga, por atoparse vivo.

O furtivo é un veciño de Poio de 51 anos e foi denunciado por tres infraccións á Lei de Pesca de Galicia, unha polo exercicio da actividade extractiva carecendo de licenza, outra por non respectar as tallas mínimas permitidas e a terceira por pescar fóra dos horarios establecidos.

Ademais, a Garda Civil interveu a táboa de surf, que foi depositada nas instalacións da confraría de San Telmo