A Garda Civil desarticula un clan familiar de Vilanova por cultivar e traficar con estupefacientes

O Salnés
06 de decembro 2019

Ingresaron en prisión catro dos sete membros da familia, detidos por tráfico de drogas. Incautouse unha plantación indoor de marihuana, estupefacientes, unha importante cantidade de diñeiro efectivo e varias armas de fogo
 

Droga incautada en dúas vivendas de Vilanova de Arousa Guardia Civil

A Garda Civil desarticulou un importante punto de venda e distribución de estupefacientes en dúas vivendas de Vilanova de Arousa, onde se incautou unha plantación indoor de marihuana, distintas cantidades de estupefacientes, diñeiro e tres armas de fogo. Catro dos sete membros dunha mesma familia que foron detidos ingresaron en prisión acusados dun presunto delito contra a saúde pública.

Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, as investigacións iniciáronse o pasado mes de setembro cando se ten coñecemento de que, nestes dous domicilios que se atopan situados nunha parroquia do municipio de Vilanova de Arousa, podíanse estar a utilizar como puntos de distribución e venda de droga ao "menudeo", xerando na veciñanza unha situación de inseguridade pola afluencia de consumidores habituais de estupefacientes que frecuentaban este lugar. Trátase de dous inmobles contiguos onde viven repartidos os membros dun mesmo núcleo familiar.

Nas investigacións realizadas confirmáronse os indicios e despois dos dispositivos establecidos polos efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Cambados apoiados por unidades operativas e de investigación da Compañía de Vilagarcía, chegáronse a interceptar unha importante cantidade de consumidores habituais, inmediatamente despois de comprar a droga nestas vivendas.

O operativo culminou esta semana coa entrada e rexistro destes dous inmobles e a detención da práctica totalidade das persoas maiores de idade que vivían nos mesmos.

Nos rexistros das dúas vivendas interviñéronse importantes cantidades de estupefacientes: unha plantación indoor de marihuana, con 329 plantas e máis de 4 quilos de cogollos; 1´620 quilos, de cocaína, 14´8 quilos de anfetaminas, 120 gramos de haxix e preto de 20 quilos de substancia de corte. Incautáronse tamén 58.000 euros en efectivo e tres armas de fogo: un revólver, cuxa procedencia se descoñece e dúas escopetas de caza que foran roubadas en Pontevedra e A Coruña, ademais dunha motocicleta BMW subtraída en Madrid e 1.000 litros de gasoil en garrafas, procedentes de distintos furtos na provincia.

Practicáronse un total se sete detencións, tres deles foron postos en liberdade en sede policial unha vez instruídas as dilixencias e os outros catro foron presentados no Xulgado de Instrución número 2 de Vilagarcía de Arousa, que decretou o ingreso preventivo en prisión. Trátase dos dous xefes do armazón, unha parella formada por un home de 35 anos e a súa compañeira sentimental de 40 anos, xunto co pai e un irmán do primeiro deles.

Con esta operación, a Garda Civil considera desarticulado un importante punto de venda de estupefacientes no municipio de Vilanova de Arousa que estaba a suscitar unha especial preocupación e alarma social entre a veciñanza, onde se fornecían consumidores da comarca e mesmo doutras localidades fóra da provincia, como: Lugo, Ferrol e Santiago.